Brian O Filidhs
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
Un doce ou trece de xullo do ano cen A.C. un druída chamado Brian, tras os seus contactos cos entes da natureza, anuncia á súa tribo un nacemento moi especial. O nacemento na cidade de Roma dun neno de prestixiosa familia, que traería moi malas consecuencia para todos os pobos celtas. Segundo a súa profecía, a invasión e destrución do territorio celta polos romanos ás súas ordes, iríase forxando ao longo da súa vida. A ese neno chamárono Cayo Julio Cesar, e dende moi novo destacou a súa madeira de líder. Foi un grande orador e estratego. Ambicioso de poder. Nomeado gobernador das Galias no ano cincuenta e oito antes de Cristo, tras realizar un gran labor na Hispania, da que xa fora procónsul. Tiña un odio especial cara aos druídas inda que un deles era amigo seu, os temía e, desexaba a súa desaparición. Comezou a súa cruzada contra esas terras por considerar que eran unhas salvaxes.
Ordenou queimar todos os seus bosques sagrados e destruír os clans que os druídas formaban en segredo. Despois da súa vitoria na Batalla de Alexia, ordenou a morte do Xefe dos exércitos da Galia Libre, o averno Vercingetorix. Destruíndo o sono celta de ser libres. A súa longa carreira militar e política permitiulle chegar ao máis alto, proclamándose ditador de Roma. Aínda que despois de tantas guerras contra inimigos declarados, foi asasinado polos seus no ano corenta e catro do século I antes de Cristo. O seu sucesor, un sobriño neto seu, converteríase no primeiro emperador de Roma tras vingar a morte do seu tío, perseguindo os seus autores e dándolles morte, ata que se fixo co control total do imperio.
Os exércitos invadiron a Galia destruíndo a conciencia os seus bosques sagrados, asasinando gran parte dos druídas e, exterminando boa parte da súa cultura. Ao queimalos, remataron coa vida de case todos os pequenos seres sobrenaturais que pola noite iluminaban coas súas luces multicolores a espesa vexetación. Todos os territorios sagrados albergaban outro tipo de vida que só os celtas podían ver e intuír. Convivían cuns pequenos seres sobrenaturais cheos de maxia, de aspecto humano. Sabían cada cal da existencia do outro, aínda que se evitasen, se respectaban de mutuo acordo.
Tras as visións esotéricas que lle provocaban os espíritos ocultos do bosque; Brian o "filidhs" (Druída vidente que predicía o futuro, entre outras virtudes), concentrou os seus poderes en avisar ás deidades e aos seres da natureza dos perigos de destrución que poderían sufrir nos anos vindeiros. A resposta da natureza manifestouse coa presenza da inmaculada raíña do bosque, Bianca, a raíña das Fadas. O druída, explicoulle con todo detalle as súas visións, convencido de que a maldade asolaría a esas terras. A raíña nada podía facer por salvar a tribo dos humanos, non eran a súa competencia. Eles poderían loitar, se eran vencidos fuxir, os seres que poboaban o bosque non podían saír del. O mundo máxico necesitaba da axuda humana e, por iso, crearon unha alianza para encontrar o camiño da salvación.
Pasaron longos meses tratando de buscar unha solución, antollábaselles unha tarefa un tanto complicada. Pero ao final determinaron salvar a unha parella de cada ser máxico. Brian tería a misión de construír unha caixa coa madeira dun carballo milenario. A raíña das Fadas, sería a encargada de elixir dous membros de cada unha das especies de xente miúda. Sílfides; ananos, gnomos, elfos, trasgos, ninfas, xanas e fadas, todos eles predestinados a salvar aos seus. Vivirían nunha caixa máxica de madeira, acondicionada con todas as necesidades dunha pequena taiga.
Por orde da súa raíña, o carballo milenario máis antigo debería doar parte de si para a construción da caixa máxica. O druída comezou a tallar a madeira, dándolle forma, enxeñando un deseño seguro e duradeiro. A cada lado inseríralle o máximo símbolo de protección druídica, o trisquel celta. O trisquel representaría a enerxía divina; o amor, a forza, a sabedoría. Os tres elementos da vida; terra, auga e aire, sendo o lume o círculo que o envolve. Ademais de representar o presente, o pasado e o futuro. Facía veneración especial ao número tres, un número máxico para os celtas.
Corría o día do solsticio de verán e todo o poboado da tribo celta dos carnutos e, a totalidade da xente miúda do bosque sagrado, celebraban a despedida aos heroes desa importante misión. Os ananos Eutel e Tegra. Os gnomos Cibrán e Comba. O elfo Bel e a elfina Dana. Os trasgos Roi e Britunia. As sílfides Galiza e Navea. As ninfas Cotara e Tamara. As Xanas Ainé e Pindusa. O fado Nuada e a fada Xiana. Todos eles foron os elixidos entre os miles de voluntarios que se presentaron para tan honrosa misión. Todos eran novos e solteiros. Eutel, o anano, era o benxamín do grupo. Galiza, a sílfide, a de maior idade. A fada Xiana, sería a raíña a que protexería aos demais membros do seu pequeno mundo de madeira.
Coas vestimentas apropiadas para o solemne momento, dun branco inmaculado, o druída comezaba o ritual. Bianca impartía as últimas instrucións aos seus mozos voando por enriba das copas das árbores, ía ordenando que se metesen na caixa e, entregoulle unha vara máxica a Xiana. En menos dun minuto desapareceron entre unha densa capa de néboa azulada. A caixa máxica pechouse. Toda a tribo entoou os cánticos na cerimonia de despedida, presidida pola inmaculada presenza do rei celta. As gaitas soaron. A media noite foron soterrados baixo terra, a uns sete metros de profundidade. Unha vez rematado o ritual foron espalladas centos de sementes de acivro, para así protexer o lugar eternamente.
Brian, satisfeito pero infeliz, continuou cos seus labores de druída consciente de que pasados moitos anos sería inevitable o ataque dos romanos. Dedicouse a instruír os amdaurs (mozos elixidos para ser druídas), ata que apareceu Cayo Julio Cesar coas súas tropas e comezou a aniquilación dos seus.
Brian, satisfeito pero infeliz, continuou cos seus labores de druída consciente de que pasados moitos anos sería inevitable o ataque dos romanos. Dedicouse a instruír os amdaurs (mozos elixidos para ser druídas), ata que apareceu Cayo Julio Cesar coas súas tropas e comezou a aniquilación dos seus.
Moitos bosques sagrados arderon, moitos németoms (bosques sagrados dos celtas) foron destruídos. Moitos seres máxicos que habitaban eses bosques foron presa do lume e das chamas. Moitos celtas morreron, moitos druídas foron asasinados cruelmente. Pero Brian logrou fuxir dos celtas e agocharse polos pequenos poboados que ía atopando polo seu camiño cara as terras de Gallaecia, unhas terras das que escoitara que vivían uns guerreiros moi parecidos aos celtas chamados galaicos.
O que fora o seu bosque sagrado no interior da Galia era agora unha paisaxe negra e queimada, tan só, misteriosamente, uns acivros sobreviviran as chamas, sendo o único verdor que se deixaba ver naquel lugar mutilado ao lume polos romanos invasores. Debaixo do acivro; a uns sete metros de profundidade, dentro dunha caixa de madeira convertida nunha fermosa taiga convivían uns seres máxicos, os únicos sobreviventes das numerosas traxedias que asolaron os bosques sagrados da Galia.
O propósito do druída Brian era volver a aquelas terras da Galia e recuperar a caixa, pero o único que podía facer neses intres era agocharse e esperar. Co tempo volvería a por ela para darlle aos seres máxicos un novo fogar nos bosques da súa nova terra Gallaecia.
[Continuará…]
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao








