A Luz Vermella


Xosé era un incrédulo ante os sucesos paranormais, pero unha noite, xunto a outros compañeiros de andainas, sucedeulle unha experiencia que lle  fixo descorrer sobre o asunto en cuestión.

Saíran de Santiago sobre as dúas da mañá e colleron pola estrada en dirección á Coruña. Viñan dunha cea da empresa, un pouco contentos, inda que quen conducía non estaba bébedo, non probara nin gota de alcohol. De súpeto, mentres ían circulando, cruzouse a toda velocidade unha luz de cor vermella por diante do seu parabrisas. O condutor freou asustado, o coche comezou a derrapar. Por pouco se defenestran, grazas á pericia do condutor que conseguiu controlar a dirección do vehículo no último intre antes de chocar contra o garda raíl.  Unha vez controlado o coche sufriron o adiantamento de varios vehículos protestando. O condutor puxo as luces de emerxencia e parou na beira da estrada. Miráronse os tres con moita estrañeza, non tiñan explicación ante o que acababa de acontecerlles.

Todos pensaban que aquela luz era un artefacto extraterrestre pero ningún deles atreveuse a dicir nada. Mentres estaban a revivir o acontecido sucedeu de novo. Apareceulles outra vez esa luz vermella, mostrándose diante deles con total descaro, parándose no ar, xirando, subindo e baixando fronte ao seu parabrisas. O coche estaba parado, eles petrificados. Case un minuto estivo facendo piruetas ata que ascendeu rapidamente cara ao ceo desaparecendo da vista das sorprendidas testemuñas. Ningún deles reparou en poñer en funcionamento a cámara do teléfono móbil, cando quixeron facelo xa era tarde. A luz vermella desapareceu cara as nubes no medio da escura noite.  

Baixaron do coche para asimilar o ocorrido e soltar as pernas ante os nervios que as entumecían. Comezaron a abrazarse entre eles da emoción, era coma se acabaran de espertar dun soño dicía algún gritándolle a escuridade. Díxolle un dos amigos a Xosé:

-    Viches? Viches coma si que existen os Extraterrestres? Que era iso se non?
-    Coido que non teño resposta para iso. Non sei se son marcianos ou non, pero algo moi raro é. 
Contestou Xosé con cara de filósofo mentres botaba unha ollada ao escuro ceo.
-    Temos que marchar, inda vainos multar a garda civil por estar aquí parados. Soltou o outro dos amigos.
-    Si, imos marchar. Dixo Xosé decidido.

Pero cando ían decididos cara ao coche apareceu de novo a luz, esta vez asediounos coma se fose unha avespa ata que foron correndo para dentro do vehículo. Un dos amigos de Xosé, o último en subir o coche, tiña case pegada a luz a súa faciana, desfíxose dándolle un golpe seco coa porta do coche. A luz caeu sobre a cuneta e apagouse ao momento. Os tres miraban aquela cousa apagada dende os cristais do coche, tiñan medo a baixar.  Baixaron en canto viron saír correndo a uns rapaces dunha leira que estaba preto da estrada, ao chegar á cuneta recolleron o aparato ante a sorpresa de Xosé e os seus amigos. Xosé baixou moi enfadado do choche e díxolle aos rapaces:

-    Oíches rapaz? Pero iso é voso?
-    Pois claro que é noso, é un  “Drone”
-    Me “cagho” no “Drone” de Dios!

Os rapaces saíron correndo co “Drone”. A Xosé tiveron que agarralo os seus amigos pois estaba disposto a facerlles comer o “Drone” ese aos rapaces, a esas horas da noite asustando á xente gritaba.

-    E nós que pensábamos que eran extraterrestres! Se é que… veña imos!

Emprenderon a marcha en silencio, riron e riron un pouco más tarde recordando a súa experiencia, lembraban (e lles facía graza) o medo que lles meteu no corpo o aparello voador dos bromistas rapaces. 


Relato by Xurxo Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb