Hoxe en día antóllase necesario a unidade de todos e todas para traballar a prol da nosa lingua. É necesario  traballar en positivo para recuperar a nosa fala en todos os ámbitos da vida. É necesario un paso adiante de toda a cidadanía e tecido asociativo de para implicárense no labor e o [Compromiso coa Lingua]. É necesario o atrevemento dos e das neofalantes, así como, da normalización e da aceptación na sociedade a todo aquel o aquela que decida trocar a súa fala do castelán ao galego. É necesario o respecto aos neofalantes. É unha sorte aprender unha palabra nova cada día, é unha sorte poder mellorarse nunha fala e teimar para lograr dominala, é necesario poñerlle a atención que merece a nosa [Lingua Nai], a lingua do noso lugar de orixe. Non se lle debe dar as costas a nosa lingua, nin a nosa cultura, nin a nosa tradición; pois estas son únicas e non deben ser substituídas por outras, senón, como mínimo, deberan ter as mesmas atencións e oportunidades, deberan ter o coidado que merecen e precisan.

Porén; precisamos unidade; o galego precisa do apoio vital dos centros de ensino, dos docentes e do alumnado en xeral, o galego precisa da axuda dos pais e nais para implicaren na nosa lingua aos seus fillos e fillas. O galego precisa ineludiblemente da unidade de todo o tecido asociativo e do seu compromiso coa nosa fala. O galego precisa o apoio dos nosos maiores -que inda a ter prohibida a nosa fala nos seus tempos teimaran por conservala-, e é precisa a implicación da xuventude.

Entre toda e todos, grandes e pequenos, salvaremos a nosa lingua do esmorecemento ao que está sometida por unha boa parte da sociedade galega, ben acostumada a darlle máis valor ao de fóra que ao propio, desprezando a nosa verídica historia pola historia instaurada polo centrismo ibérico.
Traballemos a prol da nosa lingua, teimando contra todos os elementos que a desprezan.

Debermos ser quen de consumir a prensa dixital en galego, apoiar á pouca prensa escrita en galego e castigar a aqueles medios da Galiza que rexeiten o galego a pesar de seren beneficiarios de axudas para fomentalo e usalo. Debermos ser unidades activas contra todos aqueles que desprezan o galego; defensores do noso, defendendo a nosa lingua con dignidade e elocuencia, sen violencia de ningún tipo, sen insultar a ninguén, tan só, poñendo en valor a nosa literatura, sendo imaxinativos, creando novas actividades e proxectos que fagan recuperar galegofalantes e creen novos e novas neofalantes da lingua do pobo galego.
E a quen non lle guste que lle bote azucre!

Escrito feito por Xurxo M. Gago Chao


Teño un imposto hardware
pero o meu software é galego.
Teño a interface na terra
e son servidor de quen quero.
Estou proxy a natureza.
Uso a wlan liberdade
e o módem sen diferenza.
O meu ancho de banda
é a memoria,
miña database é a historia
para que nada se me esqueza.
Teño moito html programado
e moitos javascripts
que fan que funcione así.
Xa eliminei o moito malware
e o moito virus infectado
dos que infectan porque si,
o moito spyware
e o moito adware
que nin viven nin deixan vivir.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Narra contos o contiñeiro
sobre amores moi loitados,
sobre feras, sobre bestas
e sobre tiranos malvados.
Sobre fadas e deidades,
sobre mouros dos nosos lares
nos bosques enfeitizados.
Narra feitos moi reais
ou feitos imaxinados
en lugares terreais
ou en ceos coloreados.
Os contos do contiñeiro
narrados na nosa fala
fan mais doce a súa historia
cando é narrada.

 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
logoweb