O Ritual da Guerra



O Ritual da Guerra
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
 
A noite caera sen piedade e a lúa brillaba no seu cuarto minguante provocando sombras ancestrais no medio do bosque, as pólas dos carballos danzaban ao ritmo que impoñía o vento suave que as acariciaba. Na pequena planicie divisábase un nutrido grupo de persoas formando un círculo. Realizaban un ritual celta. O gardián do bosque e xefe supremo das tribos galaicas, o druída Arcanuz, alzaba os seus brazos ao ceo mentres lanzaba os seus versos invocando ás deidades da noite, aos espíritos do bosque, que moraban en espera de ser reclamados. O pequeno cordeiro era suxeitado polos mozos amdaurs, presentindo quizais que se achegaba o seu triste final. Sería entregado aos deuses para que intermediasen ante a terrible batalla que se aveciñaba. O bravo exército das tribos aliadas amontoábase baixo a carballeira, sumida nunha especie de penumbra, os escasos fachos que iluminaban o ritual non chegaban a todas as zonas do nemeton sagrado, o lugar onde se celebraba o ritual da guerra.

O cordeiro foi degolado pola daga do druída Arcanuz. O amdaur Kaé tremía ante as acometidas do animal e os seus últimos movementos instintivos de defensa ata que cesou exhausto. O sangue do cordeiro foi vertido por completo nunhas tellas, os seus restos botados ao lume. As aclamacións dos bravos guerreiros celtas comezaron a atronar no lugar, moitos, empurrábanse entre eles, xubilosos, esperando o momento de ser alcanzados por algunha gota de sangue que os druídas do consello ían a esparexer. Unha vez cumprido o seu obxectivo, o guerreiro, apartábase, para deixar outro ser alcanzado por unhas gotas do sangue da guerra. Tiñan a convicción; así o aseguraban os sabios druídas, que o guerreiro que fose alcanzado por unha simple gota de sangue durante o ritual seria dotado da protección da deidade celta Lug, achegándolles vigor, brillantez e tenacidade, o necesario para vencer aos exércitos inimigos que axexaban. Preto de setecentos homes recibiron dalgún xeito parte do sangue do cordeiro sacrificado. O resto, uns dous mil infortunados, terían que conformarse coas súas dotes naturais.

O consello druída deu por finalizado o bulicioso ritual, os fachos apagáronse, tan só o lume iluminou a noite no claro dunha poboada carballeira. Os guerreiros comezaron a tomar posicións, fóronse instalando en varios lugares estratéxicos onde se ocultaban para intentar sorprender o seu inimigo. Esperaban a chamada dos karnyx que anunciaría o comezo da batalla.

Os exércitos romanos achegábanse a un ritmo frenético, en perfecta formación, intentaban acosalos polos diferentes flancos, sendo conscientes da súa superioridade, estando decididos a rematar a romanización dos escasos territorios galaicos que se lles  resistían, sobre todo a costa ártabra. Pero un bravo exército de guerreiros das terras galaicas os esperaba con moita ansiedade, enchidos de coraxe, de forza e de valentía. Todo asemellaba unha cruenta batalla entre os da Roma invasora e os das terras libres da Gallaecia.

O consello de druídas estaba reunido no altar do seu nemeton, invocando aos espíritos da loita para impulsalos cara a protección do exército. A sorpresa foi letal para o desenrolo dos vindeiros acontecementos. Dúas centurias romanas penetraron a gran velocidade no cume do bosque sagrado prendendo lume ao seu paso a cada rama dos carballos. Andando, sen perder o ritmo. Seguros de si mesmos. Os druídas escoitaron o crepitar das ramas, sabían que o lume estaba preto deles, sabían que o inimigo os estaba a rodear. Non tardaron en descubrir a realidade. Douscentos romanos, coas súas lanzas en posición de ataque, obrigáronlles a desunir a súas mans entrelazadas e a erguerse en pé.  



 O exército das terras libres avanzaba con trinta centurias romanas. Ambos exércitos estaban nivelados en forzas, pero os celtas estaban a punto de sufrir unha verdadeira catástrofe nas súas filas. Pois os romanos estaban atacando o nemeton da tribo e pasando pola lanza todos os peitos dos infortunados druídas. Pero iso eles non o sabían, inda ían ben dispostos cara ao seu obxectivo.

Todos os druídas morreron. Todas as árbores centenarias foron queimadas. Os douscentos soldados romanos dedicáronse á destrución total do bosque sagrado e a matar a oitenta e catro mestres sagrados da maxia druídica.

Comezou a gran batalla ao mesmo tempo que o druída Arcanuz era atravesado pola folla dunha lanza. Morreu ao instante, tras alcanzarlle de cheo no seu corazón. as árbores do bosque ardían, os vellos druídas do consello e os xoves amdaurs estaban mortos. Pero o ritual practicado aquela tarde serviu aos seus propósitos, porque o os celtas estaban sendo superiores na batalla recibindo quizais algún tipo de encantamento que os facía invencibles. Inda máis cando descubriron dende a distancia o fume que proviña do nemeton e deduciron sen equivocarse que o seu bosque fora arrasado e so druídas aniquilados.

Os celtas loitaban coa espada, os romanos coas lanzas, ambos os dous tiñan dagas de distintos tamaños coas que entrar no combate. As baixas nos romanos foron a cada momento máis numerosas; tanto que o superviventes saíron correndo pola enorme chaira perseguidos por entolecidos guerreiros das terras galaicas libres, cada un deles, cunha mancha de sangue de cordeiro no seu corpo. Cada un deles arroupado polos espíritos dos druídas asasinados.

Venceron a batalla. Venceron. Lograron descompoñer enteiras a dúas centurias romanas. Pero á volta ao seu poboado comprobaron a terrible traxedia que sufrira a súa tribo. Tiveron que recompoñerse, organizarse de novo, elixir a un druída supremo para que se fixera cargo dos asuntos druídicos de toda a tribo galaica. Habería que formar ao único amdaur que quedara vivo, ao amdaur Melvin. Nun futuro, en poucos meses, converteríase no responsable de guiar aos espíritos a base de rituais sagrados para que proporcionasen a protección necesaria para toda a tribo. Os romanos ameazaban, desexando vingarse da derrota sufrida e esperando que pasara o mal tempo para atacar aos galaicos libres.

Pasados máis de sete meses, teimosos romanos comezaron a atacar a uns recompostos galaicos. O druída Melvin realizaba o ritual da guerra, obrigado a estar nunha paisaxe queimada, entre as cinzas negras do queimado nemeton. Pero iso, xa é outra historia…

© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb