Non entendía nada do que lle acontecera, non sabía como había chegado a esa situación se el non a provocara. Agora xa era tarde – pensaba-. Varios oficiais do “Bando Nacional” o levaban camiño á execución. O vento do nordés remexía os cabelos de Alfonso, o cal, coas mans atadas, era forzado a camiñar por integrantes da “Forza Pública”. Neses momentos lembraba o que lle ocorrera ao seu amigo Pablo, condenárano a morte por delito sedición, era un cabo de mariñeiría do acoirazado “España”, moitos dos oficiais da Armada eran do bando sublevado polo que a sorte de moitos militares a prol da república estaba botada. O seu amigo, tivera a mala sorte (coma moitos outros), de ser executado por sentencia a morte no Val, Narón. Tamén sabía do asasinato doutros infortunados na punta do Martelo do Arsenal militar da cidade “Departamental”, fusilaban no patio traseiro do edificio do corpo de garda.
Acoirazado España
Nesa mesma situación se atopaba agora el. Chegou á conclusión de que alguén tivo que denuncialo, ou dar parte del, para incluílo nalgunha lista negra.
Tiña trinta e catro anos, era obreiro naval e ferreiro, artesán do metal no seu tempo de lecer. Dedicábase a facer cerres de fincas, paraugueiros, trueis, fisgas, etcétera. Recibía encargos de material de pesca e marisqueo por parte dos veciños, entre outras pequenas cousas de uso caseiro. Estaba traballando na súa fragua cando entraron no pequeno taller catro persoas portando un fusil cada unha. Tan só lle dixeron que tiña que acompañalos, que ían a dar un paseo, que o material que alí tiña estaba prohibido e era perigoso. Antes de saír aproveitaron para rachar con todo o que puideron no pequeno local. Eran case as oito do serán.
Saíron a pé do lugar, sito no barrio de Canido en Ferrol, cruzaron varias leiras campo a través ata chegar aos redores do cemiterio. Alfonso sabía que ese era o seu fin. Sabía que o ían a asasinar coa escusa de que pensaba diferente a eles, por ter unha ideoloxía vermella, por crer que o mellor para o país era a república. Protestoulle aos raptores da “Forza Pública” porque non lle fixeran xuízo algún, que non estaba condenado por nada, que nada fixera. Preguntoulles que a onde o levaban, que se ían ao cemiterio e ían a executalo, repetiu que el non tiña condena por execución. Os homes armados o escoitaban falar, dous deles ían diante, os outros dous asíano bruscamente polos brazos levándoo case no ar. Por moito que dixera, non conseguía arrancarlles nada máis que un hipócrita sorriso a algún deles.
Varios veciños do barrio víronos pasar, eles estaban ás agachadas, sabían que se dicían algo ou intercedían dalgunha maneira, tamén eles serían pasados polas armas. Sabían que aquilo tratábase dun “Paseo” en toda regra. Sabían que estaba sucedendo moi a miúdo en ambos bandos nese mes de decembro do ano de mil novecentos trinta e seis, xa ben comezada a guerra civil española. Neste caso, eran os membros do “bando sublevado” os que estaban facendo “limpeza”.
Alfonso revolveuse, resistiuse a caer desa maneira, neses momentos decidiu loitar contra o seu destino, os seus derradeiros momentos. Pero ao ver que comezaba a poñerse pesado, un dos que ían máis adiantados, apuntoulle co fusil á cabeza e pegoulle un repentino tiro que desfixo parte do seu hemisferio dereito. Morreu ao momento. Dous integrantes da forza pública discutiron entre eles por mor do que acaba de acontecer, un reprocháballe ao outro que non esperase a chegar ao lugar sinalado. Como ningún deles quixo cargar co cadáver deixárono tirado no medio da leira, preto dun estreito camiño asfaltado que levaba cara a igrexa e ao cemiterio do barrio de Canido.
Alfonso morre en Ferrol a mans da "Forza Pública".
Homenaxe ás vítimas en Canido Ferrol (A Coruña)
O corpo de Alfonso foi descuberto por un cura, recibiu santa sepultura no cemiterio de Canido. Moi preto da súa tumba, xacía o seu amigo Pablo, xunto a outros trinta e dous tripulantes do acoirazado España que tamén foran pasados polas armas. Ao final, os dous amigos, ambos executados, acabaron xuntos.
Foron tantos os paseos daquela época infernal da historia que inda hai miles de persoas desaparecidas, cadáveres no medio de leiras ou soterradas nas beiras das antigas estradas ou camiños rurais. Necesario é darlle xustiza a súas mortes. Necesario é traballar para a recuperación dos restos mortais, para darlles unha digna sepultura e un público recoñecemento. Necesario é recuperar as dignidades arrebatadas a todas as vítimas da guerra civl e da ditadura do franquista. Ata ese momento, moitas almas esperan xustiza e reparación.
Relato by Xurxo Gago Chao