VERSOS
CHIADOS
cando o paxaro voaba
ÍNDICE DE VERSOS CHIADOS
NOTA DE CONTEXTUALIZACIÓN PRÓLOGO ACRÓNIMO SENLLEIRO ENTROIDO NECIDADES POLÍTICAS AMOR SE ADITIVOS PAUSANDO MÚSICA PROPIA SEGUNDO CONVEÑA RARAS XORNADAS CAZAR RESPOSTAS ASPIRACIÓN MENTAL UN MEIXÓN BATALLANDO ENLACE NATURAL VENTO DE MEDO ENCHOUPANDO RESCATANDO O NOSO FERRO A NOSA LUZ GALEGOCALANTES NUN OCO TIC TAC PARA AGROMAR PORCA CHUVIA LERIAS O DELES SI SEGUNDO A VISTA VOLVENDO A SI TENCENDO VIDA SINGRADURA CAVILOSA DOCE VAGAR O MUNDO DOS EGOS AXEITADAS VIAXES EPÍLOGO VALORACIÓN CONSCIENTE DO POEMARIO FIRMA E CUSTODIA DA OBRANOTA DE CONTEXTUALIZACIÓN
VERSOS CHIADOS é un poemario composto por textos breves nacidos como chíos (tweets) publicados entre os anos 2012 e 2016, nun período no que as redes sociais funcionaban tamén como espazo de expresión poética, crítica e identidade lingüística.
Os poemas que conforman esta obra caracterízanse pola súa concisión, pola intensidade expresiva e pola vontade de dicir desde o inmediato sen renunciar á profundidade. A brevidade non actúa aquí como límite, senón como ferramenta de precisión: cada verso é unha faísca de consciencia, unha observación directa do social, do político, do emocional e do humano.
Escritos en lingua galega normativa, estes textos reflicten unha etapa vital e creativa na que a palabra funcionaba como canto breve lanzado ao aire dixital, conservando hoxe o seu valor como rexistro poético dunha época concreta.
O poemario transforma a fugacidade da rede en memoria literaria, mantendo intacta a frescura, a ironía, a crítica e a tenrura que motivaron a súa escrita orixinal.
VERSOS CHIADOS non pretende reconstruír aquel tempo, senón conservalo. É un libro honesto, directo e consciente, no que a poesía aparece como acto de presenza, identidade e responsabilidade expresiva.
PRÓLOGO
Houbo un tempo no que a palabra breve era suficiente. Un tempo no que un verso podía caber nun chío e, aínda así, conter mundo. Versos Chiados nace desa época de condensación expresiva, cando a poesía atopou nos límites unha nova forma de respirar. Cada texto deste libro é un latexo curto, un golpe de consciencia, unha observación lanzada sen artificio, pero con intención.
Aquí non hai poses nin solemnidades impostas. Hai lingua viva, pensamento crítico, emoción directa e unha vontade clara de nomear o que acontece: no social, no político, no íntimo e no colectivo. A brevidade non empobrece; afía.
Este poemario é tamén un exercicio de fidelidade: á lingua galega, á mirada propia e ao tempo vivido. Lelo hoxe é volver a escoitar aqueles chíos non como ruído, senón como rexistro poético dunha conciencia en movemento.
ACRÓNIMO
sentindo a vida como é,
enfiando empatías acotío,
negándose a podrecer.
Collendo vida en cada alento,
inhalando a esencia do saber,
aloumiñando co amor
do noso ser.
SENLLEIRO ENTROIDO
peliqueiros, felos, tinturas,
damas e xenerais veteranos,
mecos, galáns, látego e quenturas.
Pantallas, charrúas, partisanos,
vergalleiros e troteiros, picaduras,
murrieiros, mandamitos galanos,
falcatruadas de cores e mesturas.
NECIDADES POLÍTICAS
promesas efémeras,
promesas quimera,
promesas cínicas,
promesas de fresa,
promesas salvadoras,
promesas apócema,
promesas argalleiras,
promesas de cera,
promesas hipócritas,
promesas de seda,
infindas promesas,
promesas e promesas.
AMOR SE ADITIVOS
sen agasallos obrigados,
sen escaparates
que afundan tarxetas,
sen agarimos materialistas
que condicionen os bicos dados.
Crer nun amor
diario e sinxelo,
sincero, de balde,
gratuíto entrecruzamento das almas,
sen adornos ficticios
que o sobrecarguen.
PAUSANDO
e entregarse ao silencio,
escoitando os murmurios
que saen de dentro,
sutil vertixe e vibración
do noso eu enerxético
que recibe e procesa
unha adamantina
enerxía do universo.
MÚSICA PROPIA
un mi por alá,
se queres un si,
e un do e un fa;
se tal si be mol
ou se cadra un re,
rematar no sol
e comezar outra vez.
SEGUNDO CONVEÑA
ao que non é golpe;
o golpe é golpe
cando eles o din,
mais hai golpe que si é golpe
e eles non o din;
namentres, golpe a golpe,
golpean e golpean
ás golpeadas liberdades
nun maquiavélico golpe
contra as asaltadas democracias.
RARAS XORNADAS
de singular lentitude,
de torpe competencia
e pouca mestría,
días pegañentos
e pouco antolladizos,
enchidos de breves erros
e de casuais desatinos;
vinte e catro horas papaleisonas
de inútil sentir pachorrento
nas que tan só pracería
durmir e soñar.
CAZAR RESPOSTAS
que a vida deixa
nas amplas panorámicas
que a vista ofrece
e arrexuntar mestos matices
e pequenos contrastes,
incorrendo nas suspicacias
e nas teimas cavilosas,
testalán zuna,
atinadas respostas.
ASPIRACIÓN MENTAL
co motor do cerebro,
cos bocais dos ollos,
dos oídos e do senso;
aspirar en cada libro
palabras novas,
adxectivos e verbos.
Aspirar anacos de vida
nas pequenas cousiñas,
nos detalles pequenos
e nos moitos apólogos
dos sinxelos momentos.
UN MEIXÓN
unha gran rocha silente
que fica imperturbábel
pretiño da beiramar
e soporta as ondadas
das fortes mareas,
inmóbil e impasíbel
ante as ofensivas
provocacións meteorolóxicas.
BATALLANDO
contra un medo senlleiro,
procurando ánimos novos
no reflexo do espello,
almorzando esperanzas,
emprendendo o duro reto
de gañar acotío
as batallas contra un becho;
inhalando afouteza
con toda a forza do peito,
entre dores e bágoas,
gañándolle tempo ao tempo.
ENLACE NATURAL
casamentos de paxariños,
mentres o sol procura ocos
entre as nubes grises
para lle dar tregua ao amor.
O vento, ás veces, non venta
para non acosar liberdades
e libres albedríos
das amantes parellas
que voan e chían
cantándolle ao amor e ao sol.
VENTO DE MEDO
fortes rachas neoliberais,
éncheno todo de merda,
e os seus porcos ventos
arrastran dignidades humanas
e emporcan as sociedades;
uns parasitos da humanidade
que propician colapsos
e comen sufrimentos
das capas sociais vulnerábeis,
arruínan vidas.
ENCHOUPANDO
parar o noso tempo
e chapinar ao chou,
nun anaco de liberdade,
zarrapicar na fochanca,
escaldrufar ás toas
nunha tola e súbita acción
que dá vida.
RESCATANDO
desanoar ese nó de inquedanza,
aquela apetecíbel valentía
que ficou a medio facer;
viaxar a aquel tempo
da singular ansia
e traer ao presente
aquel anhelo inacabado,
aquel instinto non resolto,
para resolvelo, para liquidar.
O NOSO FERRO
un colectivo soño,
golpe a golpe,
coa súa sobranceira maza
modelou unha imperiosa necesidade
e, dándolle forma á evidencia diferenciada,
temperou o noso aceiro,
construíndo o mastro da nosa dignidade
para lucir a bandeira
da nosa galega Matria.
A NOSA LUZ
e soster chama imperecedoira
para alumear os camiños do instinto,
da empatía e da boa percepción,
para non afociñar nos corredores
da paciencia e da persistencia,
para alumear ocos escuros
e non se perder nunca
no grande andar
das novas ilusións.
GALEGOCALANTES
de xeitoso marisco,
de torradas e filloas,
de castros e de petróglifos,
de chairas e de praias,
de ríos e de viños,
de rías e de empanadas,
de freixós e de albariños,
mais non da galega lingua,
lingua da que fuxiron.
NUN OCO
uns latexos de esperanza,
unhas bágoas dun meniño,
a eternidade dunha alma.
A crueldade do destino,
os queixumes e as mágoas,
as incertezas do camiño,
as realidades que desgarran.
TIC TAC
o reloxo da humanidade:
unhas cantas máis mesquindades
e até logo, humano porvir.
PARA AGROMAR
para sementeiras novas,
para novos alicientes,
para novos troncos e follas,
para novos verdes amenceres,
para novas sabedeiras froitas.
PORCA CHUVIA
chove necidades
e prepotentes discursos
emporcan a vida social,
terxiversacións
na orde do día,
crónicas escuras
e enxeñarías sociais;
fastíos e fastíos,
arreguizos sen tarifa.
LERIAS
o frío inverno
sobre novas borraxeiras
e certeiras humidades
que traerán consigo as barruñeiras,
polo que hai que se arroupar
entre roupas e querenzas.
O DELES SI
os cans famentos
de linguas históricas,
teñen a rabia,
unha doenza infecciosa
que contaxia,
un padecemento colérico
de mala vontade
contra as linguas diferenciadas;
xenreira pura,
supremacismo nas entrañas.
E ladran, e ladran, e ladran!
SEGUNDO A VISTA
e hai que lle botar colorante
para que non ennegreza toda,
clarexando a cada instante.
VOLVENDO A SI
cada avance, satisfacción,
na escada da vida,
perseveranza locomotriz
e firmeza no pisar,
sen perder o norte
nas cotiás andanzas
para a boa volta
ao sitio propio.
TENCENDO VIDA
novas esperanzas
cos fortes fíos do ser,
entrenzando quefaceres
con breves ratos de lecer.
SINGRADURA CAVILOSA
polos mares dos crebacabezas,
cachar nas augas
das solucións ancoradas,
atracar no peirao
das ilusións adquiridas
e mercar na feira
das novas conclusións.
DOCE VAGAR
días apegadizos
de mornas latexadas,
agarimos e sorrisos,
de parénteses pactadas,
sen enredos, sen compromisos.
Hai días de mel
gozosos, sen aditivos,
sen axendas saturadas
e sen queixumes engadidos,
vinte e catro horas pegañentas
de maiolas e aloumiños.
O MUNDO DOS EGOS
un mundo para ricos
enchido de desigualdades,
onde os egos de uns
converten aos outros en vulgares
e onde as mentiras
xa superan as verdades,
mentres a cobiza
secuestra necesidades,
encarecendo a vida
e reprimindo liberdades.
AXEITADAS VIAXES
e viaxar no tren da esperanza,
apreixando cada día
novas benaventuranzas,
novos designios na travesía,
novos albores e novas luadas
cara á estación
da túa propia soberanía.
EPÍLOGO
Os chíos apáganse. As plataformas cambian. Mais a palabra escrita permanece. Versos Chiados xa non pertence ao tempo das redes, senón ao tempo da memoria. O que foi fugaz atopa aquí repouso. O que foi inmediato convértese en rastro.
Este libro pecha un ciclo, mais non silencia a voz. Tan só a coloca nun lugar máis fondo, onde o verso xa non precisa ser lanzado ao vento para existir.
VALORACIÓN CONSCIENTE DO POEMARIO
Versos Chiados é un libro honesto. Non pretende agradar, senón expresar. Non busca perdurar por extensión, senón por precisión. A súa forza reside na capacidade de dicir moito con pouco, de transformar a inmediata era dixital en memoria poética, e de converter a linguaxe cotiá nun espazo de reflexión e dignidade. Cada poema actúa como un espello breve no que se reflicte unha época atravesada por incertezas, loitas, afectos e identidade.
Este poemario lembra que a poesía non precisa sempre de longos discursos para existir. Ás veces, chega con chiar no momento xusto.
FIRMA E CUSTODIA DA OBRA
Esta obra foi creada por Xurxo Miguel Gago Chao e queda protexida legalmente mediante o seu rexistro en SafeCreative, así como asinada dixitalmente mediante DNI electrónico, como garantía de autoría, integridade e custodia da creación.
Todos os dereitos quedan reservados ao autor.





