O Murmuro do Silencio


O avó estaba sentado nunha pedra mirando cara ao mar. O rapaz saía de remollarse un pouco e sentouse ao carón do home maior. Os dous estaban ledos de poder gozar deses momentos xuntos. Non se vían moito. Pedro, o avó, pasábase máis de medio ano no campo, na súa pequena vila, a uns cento cinco quilómetros terra a dentro. Agora atopábase na cidade, coa súa familia e, preto do mar. 

- O mar, Iago, é moi perigoso.
- Xa o sei..., xa non son un neno avó. 
- Eu, se o digo, é por algo.
- Terás miles de historias que contar do mar.
- Téñoas ou! Pero son as de sempre. Para ti teño outras diferentes. 

E vaia se as tiña. O avó navegara moitísimo por moitos mares do mundo, fora mariño mercante e pescador de altura. Loitara noutros anos, sen o apoio dos gobernos aliados, contra os piratas do século vinte, que atracaban barcos e mataban tripulacións. Él salvárase dalgunha boa. Agochárase moitas veces da morte no medio do mar. 

- Pois cóntame algunha!
- Xa vou! Estou pensando cal.
- Unha de chicas.
- Unha de chicas?
- No mar non hai chicas, no mar hai musas.
- Musas? Que son as musas?
- Non escoitaches falar das nove musas? As fillas de Zeus? Son o mito da inspiración.
- Non.
- Pois busca no internet ese que seguro que che conta a historia das noves musas. As musas son as voces que che falan cando estás en soidade, as que algo che din cando estás só. As musas fálanche cando escoitas o murmuro do silencio, cando escoitas á vez ao teu redor e ao teu corazón.
- E como se fai iso? Escoitar o murmuro do silencio...  -Agregou o rapaz sorprendido-

O seu avó estaba pensativo, tiña a súa mirada alén do mar, alén deste mundo, quizabes escoitaba ás musas. De súpeto aferrouse ao brazo do cativo e díxolle:

- Neno, perdoa polos meus silencios.
- Xa perdoo avó. Cóntame logo…
- Naqueles tempos, de cando eu navegaba, tiña o bo costume de escribir. Escribía poesía, inventaba relatos, escribía cartas de amor. 
- Vaia! Non mo dixeras. E inda conservas os teus escritos?
- Algúns si, outros perdéronse polo camiño. O que quería dicir eu; era que para escribir todo o que escribín, moitas daquelas cousas, daqueles pensamentos, mos dixeron as musas. 
- E como sabes que cho dixeron as musas?
- Seino.
- E por que o sabes avó?
- Porque moitas horas mortas de cando navegaba no barco en tránsito, nesas horas que cada un ten para o seu lecer, pasábaas ollando as ondas do inmenso mar. Neses ollares salgados houbo moitas conversas coas musas. Preguntas que eu me preguntaba e respostas que delas me viñan. 
- E como che viñan as respostas? Cunha voz de musa?
- Non rapaz. Coa voz do meu propio pensamento. Ou sexa, coa miña. 
- Pero, entón? Entón, ao final, es ti mesmo falando contigo? E dis que falas coas musas? Non entendo nada.
- Hai tempos de maxia, querido neto, dos que todos podemos gozar. Para ver a maxia hai que crer nela. Se non cres en nada, nin crerás na maxia, nin terás fantasía, nin lerás literatura, nin crerás en ti.
- Eu si creo na maxia avó.
- Se é así, xa imos ben. Logo escoita. As musas non me falan a min directamente, as musas lle falan ao meu espírito, lle falan a miña alma, lle falan á enerxía que elas ven. Non falan directamente, transmiten impulsos enerxéticos que recolle e recoñece a nosa alma e os transmite ao consciente da nosa persoa física. Din que temos un por cento de consciencia e noventa e nove de inconsciencia. Pero as musas lle falan a ese un por cento de consciencia.
- E onde está o consciente e o inconsciente?
- Entendes algo ou non? Está no cerebro, nalgunha parte do noso cerebro. As musas non viven na mesma dimensión que nós, viven noutra ou noutras dimensións aparte da nosa. O noso cerebro, dalgunha maneira, é capaz de comunicarse con outras dimensións. O caso é encontrar o interruptor que prenda a conexión. Ese interruptor está no noso cerebro, por aí agochado. Segundo teño escoitado é unha glándula á que chaman Glándula Pineal.
- Glándula Pineal?
- Si. Glándula Pineal. Pregúntalle ao “gugle “ ese, sorprenderaste do que che diga. 
- E vou ter que apuntar todo que non me vou acordar! Que é iso das dimensións? É como este mundo repetido?
- Ou que carallo! Teño que explicalo todo ou que? Eu creo que outra dimensión é outro mundo, outro mundo que pode ser coma este ou pode que non. E dimensións, pode haber moitas. 
- Cantas?
- Non sei. Uns din que tres, outros din que sete, outros que once, outros que vinte e seis. 
- E ti que cres?
- Eu creo no que creo, nas miñas conclusións segundo o sabido. Que non son outras que crer en todo. Crer sempre. Sempre crer. O caso é saber cara a onde enfocar esa crenza. A miña crenza é que hai vida fora deste mundo. Penso que hai outras dimensións, pero non sei cantas. Penso que en cada unha delas viven e conviven diferentes seres, entidades, persoas, animais, aquilo que sexa o que haxa ao outro lado da nosa realidade. 
- Eu tamén creo que ten que haber outras dimensións. Pero estabamos coas musas.
- Si ou si, as musas.  

O avó de Iago, pasou de mirar ao seu neto a perder a mirada no horizonte, onde se xuntaban ceo e mar. Respirou un pouco. Ben sabía do que falaba. Ben sabía das experiencias paranormais que tivera. Tiña moita información dos libros que lera, moito saber acumulado. Cando chegou do campo á cidade da Coruña, para pasar o verán con Iago e os seus pais, o neno aledouse moitísimo.

O rapaz, xa un mozo de catorce anos, mostraba moita interese polas historias do seu avó. Sabía que o seu avó Pedro era un home de sabedoría. O cativo, inquedo, desexoso de saber e de entender aquilo das musas, preguntoulle:

- Que me dis?
-  Dígoche, que xa teño case oitenta anos e creo máis que nunca nas musas. Cada vez as escoito máis nítidas, cada vez capto mellor as súas mensaxes dende outras dimensións.
- E a ti quen che contou o das musas?

O avó botouse a rir, logo, replicou:

- Veña preguntas e máis preguntas…
- E que queres?
- Contoumo meu primo Xulián, xa morreu, estivera en Madrid estudando Belas Artes. Moito lle gustaba chulear de que as musas falaban con el e que, por iso, facía a súas magníficas pinturas ao óleo. 
- Que chulo!
- Si ou. Hai xente moi presuntuosa. E el, de verdade, tivo éxito. Pero a min o que me quedou foi o das musas. Xulián explicoumo a conciencia, despois de asaltalo varias veces co mesmo tema. Coma ti agora…

Iago sorría. Pasábao ben escoitando ao seu avó, estaba moi implicado na historia. Desexaba poñer en práctica o de escoitar as musas, quería aprender máis diso. O seu avó, continuaba ben disposto a relatarlle, a transmitirlle, parte dos seus coñecementos. O vello non deixaba de ollar cara ao mar, gozando da súa estampa, ata da súa silueta. Xirouse decidido e díxolle ao mozo: 

- As musas, Iago, en canto aprendas a escoitalas, hanche dicir as respostas a todo aquilo que ti expoñas. Axudaranche a atopar o teu don. Cando o descubras, axudaranche a desenvolvelo coa arte que hai en ti.
- A todo iso me axudarán as musas. 
- A iso e a moito máis. 
- E que teño que facer para escoitalas?
- Pecha os ollos. Respira forte e expira suave.  Respira forte e expira suave. Respira forte e expira suave.
- Vale! Xa!
- Faime caso anda! Pecha os ollos. Respira forte e expira suave.  Respira forte e expira suave. Respira forte e expira suave. Tenta non pensar en nada.
- Non podo.
- Téntao! Non penses en nada, pensa nunha nube branca, nun folio branco, nun ceo branco. Agora escoita. Escoita o ambiente, o ar, a natureza. Os humanos estamos rodeados de ruídos, acostumados á contaminación acústica. Vai eliminando os sons que vaias identificando e céntrate nos que non saibas de onde veñen. Ese simple feito manterate concentrado, calmado, pero vigoroso e intuitivo. Esa intuición irá vindo, sendo primeiro un pensamento que está lonxe e é débil, converténdose despois nun nítido pensamento convincente. Nun pensamento intuitivo que terá o poder de chegar a ser realidade co simple feito de ti te decidas apostar por el e o leves a cabo.
- É certo todo iso? 
- É certo.
 - E en que momento escoitarei as musas?
- En canto aprendas a meditar. A relaxarte. A ordenar a túa mente por dentro para ter unhas ideas claras. Aprenderás a escoitar o murmuro do silencio, en canto o escoites, escoitarás ás musas. Cando chegue o momento saberás que son elas. Cando chegue o momento saberás identificar a túa conversa con elas. E ese día, se inda vivo, mo dirás.
- Estou desexando intentalo. Estou desexando falar coas musas. Eu quero ser escritor avó. 
- Todo aquilo que queiras ser, o serás.

Ambos os dous estaban moi metidos na conversa, nin se decataron que preto deles estaban os pais de Iago, dispostos a recollelos para ir á casa duns amigos da cidade. Pedro protestou, dixo que non quería ir, que foran eles. O rapaz o imitou e gañou un labazada da súa nai. Tiñan que ir.

- Eu quedo aquí falando co avó Pedro. Estamos falando das musas.

A nai de Iago no tiña cara de bos amigos:

- As Musas? Musas vouvos dar eu! Xa estás papá? Xa estás coas túas cousas de cando eras mariño? Xa estás quentándolle a cabeza a este preguiceiro que nin se esforza non estudios? Veña! Imos!

Tanto o neto coma o avó levantáronse do asento de madeira. Miráronse un chisquiño de tempo suficiente coma para intercambiar sorrisos. O avó chiscoulle un ollo. Aquela conversa calara moi fondo na inquedanza daquel rapaciño e enchera, un chisco máis, o peito do vello sabio que escoitaba o murmuro do silencio e entraba en conversas coas musas.

Relato by Xurxo Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb