O RITUAL SAGRADO IV
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
É unha noite fría e ventosa de inverno e, Clara e a súa avoa María, atópanse sentadiñas no salón da súa casa, quentiñas pola calor que irradia a vella cheminea de pedra. Están falando de historias do pasado, a avoa María encántalle transmitir os moitos recordos que garda a súa mente, pois non quere marchar para o outro mundo sen contarlle a Clara toda a historia da súa familia. A voa María ten medo, medo a morrer e deixar soa a Clara, non desexa abandonar á rapaciña cega de doce anos que tanto quere, pero é consciente de que a vida é a que é, e que nalgún momento chegará o de partir. As historias que lle poida transmitir serán uns grandísimos recordos que Clara levará consigo toda a súa vida.
- Eu non quero que morras avoa – dixo Clara con mágoa-
- Os humanos non somos inmortais Clara. – contestou a voa mentres remexía as brasas da cheminea-
- É como a canción de Sés! Que fago eu se ti non estás?
- Cando marche, daranche un escrito meu, feito pola avogada mentres eu lle ditaba, no que che dou unha serie de instrucións para que vivas unha vida plena e feliz.
- Ai si? E que pon nese escrito avoa?
- Non che vou dicir agora o que pon. Pero si direiche que; por exemplo, hai moitos consellos, hai receitas para que saibas facer boas comidas e doces, hai novas historias pero que debes saber de maior e non agora sendo tan pequena.
- Pero entón? E se marchas antes de que eu sexa maior avoa?
- Pois haberá unha parte dese escrito que se che fará entrega cando cumpras os dezaoito anos.
- Pois espero que non ma entreguen nunca, espero terte sempre comigo, inda que teñas cen anos. Coidareiche moito avoíña, sei que son cega, pero sabes que me desenvolvo ben.
- Seino nena. Seino.
A chuvia comezou a golpear o tellado da bonita casa de pedra da señora María, dende a ventá podían observar como se estaban a mover con brusquidade as ramas do carballo do Santo Antón. Os seres máxicos do seu interior atopábanse ben resgardados durante o frío do inverno, ninguén saía ao exterior ante as adversas condicións meteorolóxicas, a non ser que fora por necesidade imperiosa, ou por algunha misión que encomendaran as raíñas fadas que gobernaban a aquel grupo de pequenos seres máxicos que habitan no interior do carballo do Santo Antón, un carballo que se atopa nas terras da señora María, unhas terras que pertencen a súa familia dende hai moitísimos anos.
De súpeto chamaron á porta. Pum, pum, pum!
- Avoa! Quen é? Quen chama a porta a estas horas?
- Non sei meniña. Espera, vou a abrir.
- Ten coidado avoa, vou contigo.
Ambas colléronse do brazo e dirixíronse con lentitude cara a robusta porta de madeira. Primeiramente; a señora María, botou unha ollada pola ventá para tentar descubrir quen chamaba, pero tan só puido ver unha figura ante a escuridade. Clara prendeu a luz da entrada, e iso permitiulle a súa avoa ver de quen se trataba. Alí fora había unha home cunha mochila e roupa de augas, totalmente mollado. Tanto Clara como a súa avoa dubidaron se abrir ou non. Pero de novo chamaron á porta. Pum, pum, pum!
Pouco a pouco, a señora María, foi deslizando todas as pechaduras que trincaban a porta da entrada da súa casa. Deixou a cadea de seguridade por medo a que quen fora tentase atacalas. Entreabriu un anaco a porta e preguntou:
- Ola! Quen é vostede e que quere a estas horas?
- Desculpe señora, son Chano Souto, un peregrino do camiño de Santiago.
- Do camiño de Santiago? Pero se o camiño está moi lonxe de aquí, a moitos quilómetros.
- Non sei, levo moitos días camiñando, perdinme, o cansazo, o frío, e a noite coa súa escuridade me trouxeron ata aquí. Teño os pes cheos de chagas, non teño outra roupa de abrigo, rematei toda a comida e non teño diñeiro.
- Pois si que estás ben! E eu como sei que non te vas a portar mal con nós? Como podo saber se vas atacarnos, roubarnos ou algo parecido?
- Señoriña, asegúrolle que non. Asegúrolle que estou perdido e necesitado dun descanso. Ata pensei en deitarme baixo aquela gran árbore que ten na súa finca.
- Diso nada. Espero non arrepentirme. Ti que dis Clara?
- Si avoíña, déixao pasar, está mollado e canso, e non ten para comer!
- Que ben se está nesta casiña. Que gustiño da entrar nela, tan quentiña …
- Si, si. Primeiro imos ao que imos, vouche buscar unha roupa seca, era do meu home que morreu hai moitos anos, pero valerache perfectamente para estar seco e quente.
- Non se moleste.
- Non é molestia home, é un deber.
- Nena, e ti como te chamas? E por que me miras así?
- Clara, chámome Clara, e non podo mirarte porque son cega, o único que vexo é escuridade.
- Cega? Non podes ver?
- Non.
- Dende cando?
- Dende sempre, nacín así.
- Síntoo.
- Pois non o sintas, ti non tes a culpa, e a min non me molesta ser cega, xa estou acostumada.
En plena conversa achegouse a señora María coa roupa prometida para o peregrino, e despois de darlla indicoulle unha habitación con cuarto de baño para que fora a asearse e a cambiarse. O peregrino desapareceu tras a porta da habitación mentres Clara e María retomaron os seus asentos fronte á ventá e a cheminea.
- Que pensas avoa.
- Penso que é un pobre home.
- Eu tamén. Ten unha voz moi triste.
- Pareceume intuír algo misterioso nos seus ollos.
- Caramba avoa! Non me asustes!
- Que non nena, non é nada malo, teño a impresión que este home vainos traer algo bo.
Xa en silencio, tanto Clara como a súa avoa deixaron pasar os minutos mirando as brasas da cheminea, ambas en silencio, un silencio que foi interrompido ao abrirse a porta da habitación do peregrino. O home que saíu da habitación non tiña nada que ver co home desaliñado que entrara pola porta. A señora María convidouno a sentar ao lado da cheminea e entregoulle unha cunca con cascarilla quentiña recen collida da pota. O home comezou a falar:
- Moitas grazas señora. Grazas por todo, de verdade. O certo é que levo uns días nos que arrastro os pes e avanzo pouco. Perdinme dende hai moitos quilómetros, non volvín a ver ningunha sinalización do camiño.
- Home, claro que non viches sinalización ningunha pois esta é a parroquia de Artes no concello de Carballo e non sei que fixeches, pero estás a dar moita volva para ir a Compostela.
- E que pasoume algo moi estraño señora, pero non sei se contarllo, pois poderían tomarme por tolo.
- Conta home conta.
- Si, conta, conta, eu quero saber que che pasou. –afirmou Clara interesada-
- Pois veredes. O día anterior, despois de pasar Padrón, dirixinme ao albergue público da parroquia de Teo, e ao día seguinte, comecei a camiñar cara a Compostela na miña última etapa do camiño. Camiñei e camiñei seguindo as indicacións, e precisamente, unha placa anunciaba que nese percorrido que estaba a pisar había restos de pedra do camiño primitivo, ou sexa, do camiño que comezaran a facer os primeiros peregrinos que se achegaran a Galicia para camiñar cara a Compostela hai dous mil anos. O camiño estaba rodeado de árbores da terra ademais de moito eucalipto, e ulía de marabilla. Pois ben, camiñando por aqueles lares atopeime de súpeto cunha dama vestida de branco, era como unha dama transparente sen pes, que flotaba no aire. Atopábase fronte a min a uns dous metros de distancia, mirándome fixamente sen falar. Eu quedei parado, petrificado polo que estaba a ver, gritei dun susto e aparteime cara atrás. Pero a imaxe daquela muller comezou a moverse na mesma dirección que eu tiña que camiñar, era como se quixese que a seguira, e fíxeno, seguina. Non podía crer aquilo que estaba a vivir, de verdade, era como se estivera tolo detrás dunha visión de debuxos animados.
- Vaia!Unha dama de branco! -Cortou o relato Clara, bastante sorprendida-
- Déixao continuar nena!
- Ben, pois eu, eu, seguín a aquela aparición que cada vez ía máis rápido, tendo que acelerar o paso a pesar da dor que as chagas dos pés me causaban. A dama saíu do camiño primitivo e eu dubidei un momento se seguila ou non, pois desviábase do percorrido que eu tiña que facer para chegar a Compostela.
- - Entón? Que fixeches?
- Pois seguina, saín do camiño e metinme por unha pequena estrada que me levou a outro camiño onde había unha indicación que dicía Castro Lupario, a verdade que o lugar era precioso, pasei por unha pequena ponte de pedra que atravesaba o río Sar, e convencinme verdadeiramente de que aquela dama misteriosa quería levarme a algún lugar preciso. Pero de súpeto desapareceu. Eu quedei pasmado, aparvado, sen saber que facer, non sabía se continuar adiante ou volver cara atrás. Pero preto dunha árbore observei a unha señoriña sentada a beira do camiño e mirando para o chán.
- Vaia historia!
- Si, vaia historia, parece de tolos, pero crédeme que é verídica.
- E que che dixo a señora – preguntou Clara-
- Ben, a señora, moi anciá, non falou nada, era coma se fose muda, pero miroume fixamente, e crédeme, os seus ollos parecíanme os mesmos que os da dama de branco que me levara ata alí. Falar non falou, pero eu comecei a escoitar unha voz que dicía de maneira repetida: Pedra, terra!, Pedra, terra!, Pedra, terra! E claro, que na miña mente aparecesen de repente aquelas palabras fíxome pensar que eran coma unha especie de mensaxe que quería transmitirme telepaticamente a señoriña. E eu tomei a decisión de sentarme ao carón dela. Senteime, mireina, e cando quixen tocarlle o ombreiro coa miña man, evaporouse.
- Caramba!
- Era unha moura, era unha moura. Eu creo que si.
- Unha moura. Pois seguro, pero creo que era algo máis diso, cóntovos. Despois de evaporarse mirei no lugar exacto do chán onde estivera sentada aquela tenra figura da velliña e non sabedes que atopei.
- Que atopaches? Veña Chano di. –reclamou moi intrigada Clara-
- Unha pedra, atopei unha pedra!
- Pois vaia chasco, unha pedra … - Clara mostraba decepción no seu rostro-
- Non Clara, non foi un chasco, foi unha grata sorpresa, pois aquela pedra tiña gravadas as letras RL.
- RL? E que é RL?
- Pero déixao contar Clara, senón non entendemos nada!
- A pedra estaba porca, sucia de terra, pero aquelas iniciais víanse ben. Comecei a limpala, a apartar a terra, e fun desenterrándoa ata conseguir observar un cadrado perfecto de pedra coas inicias RL talladas na súa superficie. Escarvei máis para tentar levantala e conseguín movela pouco a pouco ata que levantou. E a que non sabedes que había debaixo da pedra?
- Que había? Di!
- Calquera cousa –dixo a avoa graciosa, o peregrino apertou coas súas mans a cunca de cascarilla e bebeu varios grolos-
- Había un vulto de coiro ben soterrado, tiven que tirar ben del para liberalo do seu lugar.
- E que había nese vulto?
- Outro vulto de coiro, e logo outro, e claro, fun desenvolvendo o vultos de coiro e non sabedes que atopei.
- O que?
- Ouro, pedras de ouro puro, máis de cincuenta.
- E onde as tes? Ou xa non as tes? – a Clara emocionáballe aquela historia-
- Téñoas, pero antes de ensinárvolas quero rematar a historia.
- Pois veña neno, vai rematando que xa é madrugada e hai que ir pensando en durmir. – a señora María tiña sono, inda que o relato do peregrino estáballe a gustar-.
- Pois resulta que aquelas terras pertenceran hai moitísimos anos á Raíña Lupa.
- Á Raíña Lupa?
- Si, antes de crearse a catedral de Compostela e despois de aparecer o corpo do apóstolo Santiago en Iria Flavia, di a lenda que os cristiáns tentaron enterrar ao apóstolo nas terras da Raíña Lupa, pero esta mandou ao seu gobernador coa intención de que os botara de alí. Pero o gobernador non conseguiu botalos debido á axuda divina e morre no intento. E tempo despois, volven varios discípulos co corpo xunto da raíña Lupa e esta, (con malicia, querendo enganalos por segunda vez), mandounos ao Pico Sacro para que collesen dous bois sabendo que naquel monte estaba a cova da entrada ao Inferno onde había un dragón. Pero, a divindade da cruz fulmina ao dragón volve mansos aos touros que antes eran bravos. Ao ser testemuña destas milagres a raíña Lupa converteuse ao cristianismo e axudou na construción da morada do apóstolo, a catedral de Santiago de Compostela.
- Eu xa coñecía esa lenda –informou a señora María-
- Carai, vaia cousas que che pasan Chano, e canto sabes de todo. Pero entón, explícame, ¿que ten que ver a raíña coas pedras de ouro que atopaches?
- Pois que era ela.
- Quen?
- A velliña, a vella que estaba sentada. Era ela a raíña Lupa. Ela transmitiume as palabras Terra, Pedra, e desapareceu para que eu descubrira a pedra, polo tanto penso que o ouro é un agasallo.
- Igual é un agasallo, pero non para ti. –indicou a señora María-
- Certo señora, pois alí mesmo, boteime sobre a herba e quedei durmido un rato, nese soño, faloume de novo a raíña Lupa e díxome que este ouro tiña que darllo a unha nena cega chamada Clara, unha nena que era a gardiá dunha árbore máxica.
- E a min, por qué a min, por qué me coñece a raíña Lupa.
- Porque ela ten contacto co mundo máxico que ti protexes, e parece ser que en pouco tempo precisaredes bastante diñeiro para evitar que vos boten desta casa, o que sería o fin da árbore máxica e o seu mundo.
- E a ti quen che dixo todo isto, ti como o sabes.- Clara estaba chea de dúbidas-
- Transmitiumo a moura Lupa dende os meus soños.
- Eu o que non entendo é como chegaches ata aquí, desviácheste moito do camiño, e ¿cómo soubeches onde vivíamos?
- Moi fácil, unha dama de branco foi indicándome o camiño ata que desapareceu fronte a túa casa.
Aquela noite durmiron todos ben satisfeitos. Aquel bo home entregoulles todo o ouro que atopara nas terras do Castro Lupario, e a pesar de que non a quería colleu unha pedra que lle entregou a avoa María, pasou alí un par de días máis, convidado por elas, curando a súas chagas, pero un día, de súpeto, desapareceu sen despedirse. Tanto Clara como a súa avoa inda cren hoxe en día que aquel home era un anxo enviado para axudalas. Grazas a aquel ouro puideron salvar a súa casa e as súas terras, sabían que poderían ficar alí ata o fin dos seus días.
Clara, cada día, achégase xunto ao carballo, ponse a ler libros e a contar historias a quen queira escoitala, sabe que os pequenos seres, as fadas, as sílfides, os elfos, e os ananos, todos eles, e pesar de non velos, están aí. Certo é que Clara é cega e que a pesar de que estivesen visibles non podería velos, pero Clara sínteos, sabe que están aí. A pesar de non velos ten fe na súa presenza. A fe é a chave para poder chegar a alcanzar o mundo dos seres máxicos, hai que crer, hai que ter fe e chegara o día, o día no que un ser máxico se deixará ver. Pero non se deixará ver a calquera persoa, pois non se aparecen aos egoístas, nin á xente vaga, nin á xente interesada, aparécense a xente boa que respecta ás persoas e á natureza. Tal e como fai Clara, a gardiá do carballo máxico.
Despois da longa espera dun ano, a nena Clara, xa con doce anos, despois de pasar moitas aventuras xunto a súa avoa, prepárase para o solsticio de verán, preparase para a festa da súa noite particular. A noite de San Xoán, cando Clara e a súa avoa preparan unha pequena fogueira onde queiman herbas secas e pequenos restos de madeira sobrantes dos pequenos traballos realizados durante o ano. A avoa prepara ricos doces e petiscos e unha deliciosa bebida de froitos vermellos. Alí estaban as dúas, avoa e neta, as doce menos cinco da noite, coa única luz que irradiaba a fogueira, sabían que as doce en punto comezaría o espectáculo.
Así foi. As doce en punto da noite de San Xoán, comezaron a aparecer na escuridade unha gran cantidades de pequenos puntos de luz, todos eles comezaron a moverse á vez, creando unha fermosa coreografía no aire, eran as sílfides e as diferentes raíñas fadas coa súa danza da visión, un pequeno ritual sagrado, que lle devolvía a vista á nena Clara por unha noite. E Clara comezou a ver:
- Avoa, avoíña, podo ver, podo verte, podo ver a árbore e a fogueira, pode ver as sílfides voar!
- Si meniña, está é a túa noite...
[CONTINUARÁ...]
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao














