O Ritual Sagrado III

 
 Carballo do Santo Antón en Artes / Vilardefrancos / Carballo (A Coruña)

O RITUAL SAGRADO III
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
Hai máis de dous mil anos existía un gran bosque que cubría Galicia enteira; un bosque cheo de carballos, piñeiros, castiñeiros, loureiros, freixos e teixos que esplendorosos servían de fogar para animais, coma os coellos, os corzos, os xabarís e, moitos outros. Nesa ambiente natural tamén estaban os lobos. Uns animais case máxicos que van ter algo de protagonismo nesta historia. Neses frondosos bosques galegos existía unha manada de lobos que tiña unha misión moi importante, uns lobos que cumpriran un papel fundamental á hora de salvagardar un gran segredo dos bosques galegos dende hai máis de dous mil anos.

Un doce ou trece de xullo do ano cen A.C. un druída chamado Brian, tras os seus contactos cos entes da natureza, anuncia á súa tribo un nacemento moi especial. O nacemento na cidade de Roma dun neno de prestixiosa familia, que traería moi malas consecuencia para todos os pobos celtas. Segundo a súa profecía, a invasión e destrución do territorio celta polos romanos ás súas ordes, iríase forxando ao longo da súa vida. A ese neno chamárono Caio Xulio Cesar, e dende moi novo destacou coa súa madeira de líder. Foi un grande orador e estratego, ambicioso de poder, chegando a ser nomeado gobernador das Galias tras realizar un gran labor na Hispania. Caio Xulio Cesar tiña un odio especial cara aos druídas, temíaos, temía o seu poder e sabedoría. Desexaba a súa desaparición polo que comezou a súa guerra contra as terras celtas por considerar que eran unha tribo de salvaxes.

Caio Xulio César ordenou queimar todos os bosques sagrados da antiga Francia e mandou matar a todos os clans druídicos que se reunían en segredo. Ordenou a morte do xefe dos exércitos da Galia Libre, o averno Vercingetorix. E destruíu o soño celta de ser homes e mulleres libres. Caio Xulio chegou proclamarse ditador de Roma. Pero despois de combater moitas guerras contra inimigos, foi asasinado polos seus no ano corenta e catro do século I antes de Cristo. Un sobriño seu, converteríase no primeiro emperador de Roma tras vingar a morte do seu tío, perseguindo os seus autores e dándolles morte.

Os exércitos romanos invadiron a Galia e destruíron a conciencia os seus bosques sagrados, asasinando a gran parte dos druídas, exterminando boa parte da súa cultura e tradicións. Ao queimar os bosques, remataron coa vida de case todos os pequenos seres sobrenaturais que pola noite iluminaban coas súas luces multicolores a espesa vexetación. Pero o seres máxicos poden morrer co lume creado polo ser humano, non o poden soportar e quéimanse coma se fosen un animal máis. Todos os bosques sagrados albergaban algún tipo de vida máxica, y só os celtas, podían ver ou intuír a súa presenza. Os celtas convivían cuns pequenos seres sobrenaturais cheos de maxia, e cada cal sabía da existencia do outro, aínda que se evitasen, respectábanse de mutuo acordo.

Brian era un druída vidente que predicía o futuro, o cal, ao saber o que se lle aveciñaba aos bosques sagrados e aos seus seres, concentrou todo o seu poder para avisar ás deidades e aos seres da natureza dos perigos de destrución que ían vir. E así, nunha noite de lúa chea, foise ao bosque sagrado e gritou o nome de Xelie:

- Xelie, Xelie, Xelie, raíña das fadas, teño algo moi importante que dicirche. Xelie, Xelie, Xelie, raíña das fadas, teño algo que dicir…

O druída lembraba con todo detalle as súas visións, estaba convencido de que a maldade asolaría aquelas terras. Pero a raíña non podía facer nada por salvar a tribo dos humanos, non era a súa competencia entrar nas guerras humanas. Os humanos poderían loitar o que quixesen, e se eran vencidos poderían fuxir, pero os seres máxicos que poboaban o bosque non podían saír del. O mundo máxico necesitaba da axuda humana e, por iso Brian tiña unha proposta cos levase ao camiño da salvación. A resposta da natureza antes as palabras do druída manifestouse coa presenza de Xelie, a inmaculada raíña do bosque, a raíña das Fadas.

- Brian o Filidhs, a que vén tanto alboroto?
- É algo moi importante Xelie, o bosque sagrado está en perigo, e con el todos vós, os seres máxicos do bosque.
- Sabes que nós non podemos interferir nas vosas guerras, non podemos axudarche a derrotar a ninguén, as regras son de rigoroso cumprimento.
- Xa, xa, seino. Pero non vos pido axuda para nós, senón que veño a avisarvos para que fagades o posible para saír do bosque.

- Saír do bosque? Non podemos saír do bosque. Morreriamos todos! O bosque é o noso fogar.

Despois desa conversa, pasaron longos meses tratando de buscar unha solución conveniente, antollábaselles unha tarefa un tanto complicada. Pero ao final, deron cunha solución que polo menos salvaría a unha parella de cada ser máxico. Acordaron que Brian tería a misión de construír unha caixa coa madeira dun carballo milenario e que Xelie, a raíña das Fadas, sería a encargada de elixir aos dous membros (macho e femia) de cada unha das especies de xente miúda. Tería que elixir a unha sílfide e a un silfo (as fadas e fados do aire e dos ventos); a dúas dríades (as ninfas dos bosques), dúas drinfas (fadas da terra), así faríao coas xanas e todos os tipos de fadas que habitaban aquel bosque. Tamén escollería a unha parella de ananos, outra de gnomos, outras de elfos e trasgos, todos eles predestinados a salvar e perpetuar a súa especie. Non abandonarían o bosque, pero pasarían a vivir agochados nunha caixa máxica de madeira, acondicionada con todas as necesidades para que puidesen vivir con comodidade durante moito tempo.

Por orde da súa raíña, o carballo milenario máis antigo do bosque sagrado, doou parte de si mesmo para a construción da caixa máxica. O druída comezou a tallar a madeira, dándolle forma, enxeñando un deseño seguro e duradeiro. Na parte de enriba inseriulle o máximo símbolo de protección druídica, o trisquel celta. O trisquel representaría a enerxía divina; o amor, a forza, a sabedoría. Os tres elementos da vida; terra, auga e aire. Un símbolo que representa o presente, o pasado e o futuro, e a mención especial ao número tres, un número máxico para os celtas.

Corría o día do solsticio de verán cando todo o poboado da tribo celta dos carnutos e a totalidade da xente miúda do bosque sagrado, se xuntaron por primeira vez para despedir aos heroes desa importante misión. Os ananos Eutel e Tegra. Os gnomos Cibrán e Comba. O elfo Bel e a elfina Dana. Os trasgos Roi e Britunia. As sílfides Galiza e Navea. As ninfas Cotara e Tamara. As Xanas Ainé e Pindusa. O fado Nuada e a fada Xiana. Todos eles, entre algúns outros, foron elixidos entre os miles de voluntarios que se presentaron para tan honrosa misión. Todos eran novos e solteiros. Eutel, o anano, era o benxamín do grupo. Galiza, a sílfide, a de maior idade. A fada Xiana, moi pequena e inexperta, pasaría a converterse na futura raíña que protexería aos demais membros do pequeno mundo de madeira.

Eran os únicos que quizais salvasen as súas vidas, pois segundo as predicións do druída Brian, os bosques sagrados da Galia serían arrasados polo lume, matando todas as vidas, máxicas ou non, que se atopase no seu camiño.

Deron comezo ao ritual coas vestimentas apropiadas para o solemne momento, ía dun branco inmaculado, necesario para un acto enerxético de tal magnitude. Xelie, impartiu as últimas instrucións aos seus subordinados e voando por enriba das copas das árbores, ía ordenando que entrasen na caixa aos elixidos seres miúdos que vivían no bosque sagrado da tribo dos carnutos. Cun movemento moi cerimonial entregoulle unha vara máxica a Xiana, a cal, recolleuna case con vergoña. A caixa estaba situada sobre o gran altar, no medio do bosque, estaban rodeados de carballos milenarios e envoltos coa luz esbrancuxada que a lúa chea emitía. O druída Brian invocou a todos os espíritos e forzas benfeitoras do bosque, para que guiaran polo bo camiño aos seres máxicos que ían a introducirse na pequena caixa máxica, pediulles protección para eles, pediulles cos librara das chamas e do lume dos romanos invasores ou calquera outro que quixese facerlle dano. En menos dun minuto, coma nunha procesión cerimoniosa, foron desapareceron os pequenos seres entre unha densa capa de néboa azulada. Toda a tribo dos carnutos comezou a entoar os cánticos da despedida, presidida pola inmaculada presenza do rei celta. As gaitas comezaron a soar. A caixa máxica pechouse.

Moitas fadas, ananos e elfos estaban chorando, estaban tristes porque xa non ían ver nunca máis aos seus familiares e amigos. Tres dos druídas aprendices, colleron a caixa e levárona para soterrar entre as raíces do carballo máis antigo do bosque, o mesmo do que se recollera a madeira para facer a caixa máxica. E a caixa foi soterrada baixo a uns sete metros de profundidade. Cubriuse con miles de sementes de acivro, así como tamén introducíronse centos de formigas raíñas polos diferentes ocos, para que millóns de formigas fosen as gardiás daquel segredo. E para rematar o ritual, todos os habitantes da tribo fóronse despedindo da raíña das fadas Xelie e do resto de seres que por unha noite deixáranse ver.

Brian, quedou satisfeito co ritual, pero estaba infeliz, inquedo polo que puidera pasarlle a toda a tribo. E así, continuou cos seus labores de druída sendo moi consciente de que pasados moitos anos sería inevitable o ataque dos romanos. Mentres dedicouse a instruír os amdaurs (mozos elixidos para ser druídas), até que un desgraciado día chegou o inevitable. Os exércitos de Caio Xulio Cesar comezaron a atacar todas as tribos da Galia coas súas imperiosas tropas. A unión de moitas tribos celtas logrou por un tempo reter o avance dos romanos, pero pouco a pouco foron caendo até que lograron arrasar a Galia enteira.


Os romanos queimaron o bosques sagrados dos celtas e destruíron os seus poboados. Moitos seres máxicos que habitaban eses bosques foron presa do lume e das chamas, entre eles Xelie e os seus. Moitos celtas morreron, moitos druídas foron asasinados cruelmente. O que fora o bosque sagrado dos carnutos convertérano nunha paisaxe negra e queimada, todo queimado excepto uns verdes acivros que misteriosa e inexplicablemente sobreviviran as chamas, sendo o seu verdor o único que se podía ver naquel lugar mutilado polos romanos invasores. Debaixo dos verdes acivros; a uns sete metros de profundidade, dentro dunha fermosa caixa de madeira que estaba habilitada con todas as vantaxes dunha verdosa taiga, convivían os valentes seres máxicos gobernados pola xove raíña Xiana, eran os únicos sobreviventes do bosque sagrado da tribo dos carnutos.

Coma os druídas estaban perseguidos para darlles morte, algúns integrantes da tribo de Brian dixéranlle que escapara. Así que Brian logrou fuxir coa axuda dos seus. Pero antes de fuxir, desenterrou a caixa. Envolveuna coa pel de varios coellos xunto a algunhas raíces vivas que quedaban do carballo milenario, e envolveuno todo nun saco de coiro. Logo diso botou a andar.

Pasou moitos meses andando, agochándose polos pequenos poboados que ía atopando polo seu camiño, até que pouco a pouco, foise acercando ás terras de Gallaecia, das que escoitara que vivían uns guerreiros moi parecidos aos celtas chamados galaicos. Desexaba darlle un novo fogar aos seres máxicos nalgún dos bosques da súa nova terra, inda que fora o último que fixera. Estaba case derrotado tras meses de andaina, case desanimado por non dar atopado o lugar idóneo para os seres da caixa. Pero un día, detívose a descansar sobre a beira do tronco dun gran carballo e cando comezaba a quedarse durmido escoitou falar:

- Brian, non busques máis, este é o lugar.

Brian espertou sobresaltado e mirou ao seu redor, pero non viu a ninguén. Ao pouco caeu na conta de que aquela voz proviña do seu interior, polo tanto, pensou, era o espírito da árbore quen lle estaba a falar. Volveu a escoitar unha vez tras doutra a mesma frase: Brian, non busques máis, este é o lugar. Brian, non busques máis, este é o lugar. Despois de estar pensativo por un bo rato, comezou a ollar toda a contorna e caeu na conta de que o lugar era perfecto. Era o que estaba buscando despois de tanto tempo, o novo fogar dos seres máxicos.


O castrexos galaicos tiñan parecidas costumes aos celtas e ao coñecer a Brian e saber da súa historia non tardaron en acollelo coma un sabio máis das moitas tribos galaicas de Gallaecia. Non tardou en preparar un ritual no lugar elixido. Estaba só na noite, xuntando herbas para realizar unha mestura que queimaría coma se fose un incenso natural, tiña que limpar aquel lugar de malas enerxías. Pero mentres estaba cos preparativos caeu na conta de que estaba rodeado por unha manada de lobos famentos, os cales, gruñían de fame e botaban babas polas súas bocas á vez que ensinaban os seus grandes e terroríficos dentes. Pero Brian non tivo medo. Era druída, sabía falar cos animais, xa estaba acostumado a ese tipo de encontros. Levantou o seu bastón de madeira de buxo sen mencionar palabra algunha e concentrou toda a súa enerxía en manter unha conversa telepática co xefe da manada. Os ollos do druída e os do lobo estivéronse a mirar durante uns minutos interminables. E tras uns intres de incerteza, e sorprendentemente, o lobo xefe da manada fixo unha sinal aos demais para que deixaran de gruñir e sentaran no chan. E así foi, todos os lobos deixaron de ameazar a Brian. A partir dese momento pasarían a converterse nos gardiáns dese bosque galaico, gardiáns do gran segredo que gardaba no seu interior aquel bosque das terras de Brigantia.

Finalmente, máis dun ano despois, Brian logrou atopar o fogar ideal para os seres da caixa, e así, axudado por uns sabios das tribos castrexas, logrou celebrar un gran ritual máxico para abrir de novo a caixa e liberar aos máxicos seres que había no seu interior. Unha vez aberta houbo moita expectación, tan só Brian e outros sabios da tribo castrexa podían estar presentes. E ao principio, os pequenos seres foron saíndo coma asustados, aparecendo entre unha espesa néboa azulada que saía da caixa.

Despois duns intres de misterios, Brian puido comprobar que estaban todos. Estaban todos sans e salvos, até parecía que felices, pois non paraban de dar voltas polo aire. Brian recordoulle a Xiana as instrucións pertinentes para que gobernase e reinase naquel bosque tal e como o facía Xelie, a cal morrera xuntos aos outros pequenos seres no gran incendio do bosque sagrado que provocaran os romanos. Brian presentoulle a Xiana un fermoso e esplendoroso carballo que pasaría a converterse nun novo fogar para todos eles. Ese carballo nunca máis envellecería, nin envelleceu. Pero poucos días despois de liberar aos seres da caixa, o druída Brian morría. Xa estaba vello e cansado, e non aguantou máis, pero foise deste mundo satisfeito por haber conseguido salvar a unha boa parte dos seres máxicos do bosque sagrado dos carnutos. Brian morreu feliz. E o carballo, forte e duradeiro no tempo, segue a estar en pé na actualidade, a pesar de ter máis de dous mil anos, aínda que, para que ninguén sospeite que é unha árbore máxica, dise que tan só ten catrocentos anos.

Tanto Clara coma a súa avoa sabían desta historia. Coñecíana á perfección, unha historia que fora transmitida de xeración en xeración, pois pola señora María, corría a mesma sangue ca do druída Brian, que era un devanceiro da avoa de Clara. E polo tanto, tamén era devanceiro de Clara. Chovía moito, o vento golpeaba sobre as ventás, os raios e tronos facían insoportable o ambiente. Pero elas, alí estaban tan tranquilas, conversando fronte a ventá, mirando cara ao carballo do santo Antón. Por suposto, Clara non vía, pero escoitar as palabras da súa avoa facíana sentir outras sensacións tan satisfactorias coma o ver.

- Avoa: Como sabes que Brian é noso devanceiro?
- Pois moi sinxelo, mo dixo Xiana, ela o coñeceu en persoa hai dous mil anos.
- E como sabe Xiana que é familiar noso?
- Porque cando chegou a estas terras galegas, para atopar un bosque adecuado para liberar aos seres da caixa máxica, coñeceu a unha poboadora dunha tribo ártabra e tivo con ela unha filla.
- Vaia!
- Si. Pero non a coñeceu, Brian morreu poucos días despois de abrir a caixa e non viu nacer a súa filla.
- Que pena! Que valente foi Brian, salvou aos seres máxicos da extinción.
- Pois si, salvounos. Segundo di a historia, o carballo do santo Antón faloulle a Brian para o escollese coma o fogar dos pequenos seres. E o vello carballo, foi o único que perdurou daqueles frondosos bosque que tiñamos nestas terras hai dous mil anos. O druída tamén falara cos lobos para que protexeran aquela árbore e aos seus inquilinos.
- E como saben os lobos de hoxe en día que teñen que coidar a árbore e aos seus seres?
- Porque eles, os lobos, querida netiña, levan transmitíndose de xeración en xeración a importante misión de protexer ao carballo milenario.
- Oxalá puidera falar eu cos lobos e coas árbores coma fixera Brian.
- Faralo neniña, faralo, algún día adquirirás esa facultade.
Clara sentou non colo da súa avoa. Ambas abrazáronse, e abrazadas comezaron a balancearse coma se estiveran seguindo o ritmo dunha canción. A súa avoa miraba cara a árbore, sabía que alí estaban os lobos, os fieis e leais gardiáns do gran segredo. Os lobos protectores do fogar de Xiana e dos demais seres máxicos, uns seres que levaban vivindo alí dous mil anos.
- Avoa: Xiana, a raíña, canto anos ten?
- Pois ten máis de dous mil anos.
- Vaia!
- É o que ten pertencer ao mundo dos seres máxicos, se ningún humano interfire no seu camiño, serán por sempre inmortais.

[CONTINUARÁ...]

© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb