O Ritual Sagrado II



O RITUAL SAGRADO II
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
Ás veces, o ser humano é inhumano, é moi pouco sensible coa natureza e o medio ambiente que o rodea. Ás veces, o ser humano, non quere ver. Non quere ver a beleza da natureza, o encanto da súa maxia co paso do tempo. A moitos seres humanos o único que lles importa é o negocio e gañar diñeiro levando por diante, se fai falta, todo un ecosistema. As máquinas escavadoras, as palas para levantar a terra, as serras eléctricas para cortar as árbores poden trocar en pouco tempo a fisionomía dunha paisaxe marabillosa. A culpa non so é das empresas madeireiras, ni dos construtores de vivendas, senón que o é dos propios concellos que dan permisos para aniquilar natureza a cambio de diñeiro. Pero, nunca, nunca, por moito diñeiro que reciban, poderán recuperar a vida das árbores centenarias e a maxia que posuían.

Clara estaba chorando, non entendía o que estaba a pasar. De súpeto, víronse rodeadas de maquinarias de todo tipo dispostas a botalas da súa casa, dispostas a arrincar e a triturar a súa árbore sagrada, o carballo do Santo Antón. Ao destruír o carballo, deixarían sen fogar a todos os seres máxicos que habitaban nel. Iso non podía suceder. Clara, chea de rabia, chea de forza, dispúxose a loitar xunto a súa avoa María, contra esas máquinas e eses traballadores dispostos a aniquilar o seu paraíso.

- Non os deixarei avoa. Non os deixarei. – Comentaba Clara chorando-
- Eu tampouco miña nena, inda que sexa o último que faga nesta vida.
- Teño medo avoa, teño medo pola árbore e polos seres máxicos. Que vai ser das fadas e das sílfides, e de todos os que viven dentro dela?
- Tranquiliña nena, as fadas ven saben o que hai que facer, elas teñen o poder, e coa nosa axuda conseguirémolo, botaremos de aquí a todos estes lacazáns desexosos de matar natureza.
- Entón avoa, hai que pensar nun plan para botar por terra os seus planes malvados.
- Pensarémolo meniña,pensarémolo.

E así, pasaron horas e horas pensando nun plan para salvar da deforestación a súas terras máxicas, unha terras que noutrora formaran parte dun vello ritual sagrado a cargo dos druídas dunha antiquísima tribo celta.

Os concelleiros do concello de Vilardefrancos estaban reunidos debatendo o futuro dunhas terras que pertencían á señora María, unhas terras que a señora María, baixo ningún concepto quería vender. A casa da señora era un problema, pois lles impedía continuar coa carreteira que tiñan en proxecto. A árbore centenaria, chamada o carballo do Santo Antón, tamén era un problema para eles, pois nese mesmo lugar tiñan pensado facer unha gasolineira. Pouco lles importaba que a árbore tivera máis de setecentos anos, pouco importaba iso para eles, o que máis lles importaba era o progreso.

As Dríades, as ninfas dos bosques, estaban moi enfadadas pois son fadas que viven moi ligadas aos carballos e non permitirían baixo ningún concepto que lle fixeran dano ao Carballo do Santo Antón. Elas, tiñan moito medo do que estaba a acontecer, pois ao estar ligadas a unha árbore se esta era cortada as ninfas morrerían con ela. Todas elas estaban en grave perigo pola culpa duns seres humanos interesados en facer diñeiro.

Ao redor do carballo, xa en plena noite pechada, tiñan unha reunión todos os seres máxicos da zona para tratar de atopar unha solución ao grave perigo que se ía abalanzar sobre eles. Estaban debatendo sobre como facer para tirar por terra os planes dos malvados homes, cando escoitaron uns pasos que se acercaban. Todos viron que era Clara e, como sabían que ela non podía ver, non lle deron moita importancia até que ela comezou a falar:

- Fadas, fadiñas miñas, perdoádeme. Perdoádeme por non facer nada até agora, para parar a estes homes burráns, que queren cortar o voso fogar para facer mobles e outras cousas de uso para os humanos. Eu sei que me escoitades inda que non vos podo ver, sei que estades por aí, por iso vos pido que me escoitedes. Eu teño un plan e, se queredes volo digo. Que me decides fadiñas?

Clara escoitou unha voz moi melodiosa e musical que non sabía moi ben de onde procedía, e que lle dicía:

- Hola Clara son Xiana a raíña das fadas do carballo do Santo Antón, cóntanos o teu plan. Seguro que coa túa axuda poderemos facer algo contra estes insensibles.
- Grazas fada Xiana, pois veredes. Eu teño pensado que a bruxa faga un sortilexio contra as máquinas coas que os humanos queren traballar, seguro que pode escacharralas, se quere, con tan só un pouquiño da súa maxia.
- Pois até agora non está mal a idea.
- Pero claro,
-di Clara- eses homes tamén teñen serras coas que talar a árbore, polo que aí entran en xogo os seres máxicos coma os elfos e os ananos.
- E que queres deles?
– di Xiana –
- Ben, pois eles, teñen que conseguir fíos, uns fíos moi moi finos e resistentes. Uns fíos case invisibles.
- E que queres que fagan con eles?
– preguntou a raíña das fadas moi intrigada -.
- Pois cando os homes estean dispostos a traballar, os ananos e os elfos, rodearían a súas pernas cos fíos, até que non se podan mover e queden inmobilizados.
-Que boa idea!
- Eu polo menos así o pensei.
– comentou Clara moi satisfeita –
- Pois moi ben pensado, agora o caso é que saia ben.
- E eu que teño que facer?
– Dixo a bruxa que mexaba leira –
- Pois vostede, señora bruxa, ten que embruxar as máquinas dos obreiros e facer que non funcionen.
- Nada máis que iso?
- Nada máis.
– Contestou Clara cun sorriso nos beizos –
- Ben, entón, imos a resumir o plan – comentou Xiana, moi implicada na súa tarefa de raíña – A bruxa vai a embruxar as máquinas de corte para que non funcionen, e os elfos e máis os ananos suxeitarán con fíos invisibles as pernas dos obreiros. E logo, e as fadas e as sílfides que facemos?

E Clara contestoulle:

- Vós, as fadas, tedes que enfeitizar aos homes e meterlles moito medo para que non volvan por estes lares a molestar.
- E as sílfides que fan?
- As sílfides axudarán a miña avoa na tarefa de tecer unha gran tea cos vosos fíos máxicos para poñela ao redor das nosas terras e que non poida pasar ningún pillabán.
– falou Clara, orgullosa das súas ideas –
- Pois se todo sae ben, imos a organizar unha gran festa en canto eses burricáns saian destas terras. – soltou Xiana moi divertida -
- Eu estou de acordo. – dixo Clara –
- E eu tamén. – afirmou a bruxa mexona –

Clara, satisfeita pola conversa que tivera cos seres máxicos, despediuse deles até o día seguinte, un día moi importante para todas e todos, incluídas Clara e a súa avoa María. Dirixiuse a súa casiña camiñando con rapidez na negra escuridade da noite, sabíase o camiño de memoria e a pesar de ser cega chegou de contado. Ao pouco deitouse e dispúxose a soñar.

Espertou cun ruído enxordecedor, as máquinas dos pailáns xa estaban en funcionamento dispostas a levarse por diante toda a vexetación que escoitase. Saíu disparada cara a fiestra e gritou:

- Non, non, parade, parade tolos!

Ao pouco, todas as máquinas pararon á vez. Os obreiros non sabían que pasaba. Mirábanse uns a outros contrariados, sen saber porqué as máquinas estaban paradas.

A avoa María púxose ao carón de Clara e comezoulle a relatar o que estaba a pasar:

- Tranquiliña, meniña. A bruxa xa está a facer das súas, xa ten enfeitizadas as máquinas e non funcionarán nunca máis.

Certo era, a bruxa estaba agochada nunha gran póla da árbore centenaria, rindo e murmurando cousas que solo ela entendía, pero que parecían dar o seu froito ao enfeitizar as máquinas dos obreiros.

- Que ben avoa, que ben. – comentaba Clara aliviada –

O xefe dos obreiros non tiña explicación para o que estaba a acontecer, se todas as máquinas tiñan gasolina e gasóleo, non sabía nin entendía porque non funcionaban. Todos os obreiros estaban ao redor das máquinas mirándoas sen saber que facer.

Os seres máxicos, cando queren, teñen invisibilidade e por iso neses momentos os homes non vían o que estaban a facer. Tanto os elfos coma os ananos estaban rodeando cuns fíos moi finos as pernas deses langráns e, eles, nin se decataban. Pero claro, decatáronse cando xa ben agarradiñas a súas pernas comezaron a caer de narices ao campo. Nin sabían, nin entendían o porque da inmobilidade das súas extremidades inferiores. Pero Clara e a súa avoa si o sabían e non paraban de rir.

- Todos eses lacazáns xa están tirados no campeiro. – dixo a señora María divertida mentres tecía a tea xunto as sílfides no salón da súa casa-. 

Clara non podía ver o que facían, pero si escoitaba o entrar e saír da agullas e, de cando en vez, escoitaba as tenras voces das fermosas sílfides sorrir.

Todo o plan xa estaba en marcha e, estaba a dar os seus froitos. As fadas comezaron a súa labor de enfeitizar aos homes. Cunhas variñas máxicas pegaron os labios dos pobriños para que nunca máis puideran articular palabra. E así, sen poder camiñar nin falar, atopáronse os homes deitados sobre a leira sen saber ben como sucedera todo aquilo.

A avoa María saíu fóra da casa e axudou as sílfides a poñer a gran tea coma se fose unha valla, seguindo todo o contorno da leira e deixando fóra da mesma as máquinas e aos enfeitizados obreiros.
Un concelleiro do concello acercouse ao lugar para ver coma ían as obras e, sorprendeuse tanto do que viu, que chamou á policía para que axudasen a levantar a aqueles pobres homes que nin camiñaban nin falaban. Varios coches da policía os levaron para as súas casas e, varias grúas grandes, montaron nos camións a maquinaria que non funcionaba. Pouco tardou o lugar en quedar despexado de xente incómoda, e tan só quedou a árbore, a leira, e a pequena casiña de Clara e a súa avoa. Conseguírano. O plan de Clara funcionou á perfección.

O concelleiro informou no concello que aquelas terras estaban embruxadas e que nunca máis tentarían facer nada nelas. Ninguén máis quixo acercarse por alí sabedores dos feitizos cos que se poderían atopar.

A festa foi xeneralizada, todos os seres máxicos estaban ledos. Os ananos e os elfos estaban a comer os doces que a avoa de Clara fixera. Clara estaba comendo unha galletas que fixeran a bruxa, iso si, antes preguntoulle se estaban enfeitizadas e a bruxa lle dixo que non.

- Ummm! Bruxa, que ricas túas galletas!

As fadas e as sílfides tocaban as súas arpas e entoaban cánticos melodiosos que eran do gusto de todos e todas. Todo o mundo estaba feliz nesa terra máxica. Estaban felices e satisfeitos por salvar a natureza do egoísmo do ser humano.

Tanto os seres máxicos, elfos, ananos, fadas, sílfides, e a bruxa, coma os bechos do campo e, coma Clara e a súa avoa, todos e todas estaban enchidas de amor á natureza.

E cantando e xogando este conto foi rematando, e unha fada tanto cantou que o conto xa rematou.

[CONTINUARÁ...]

© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

anterior inicio seguinte
logoweb