O Ritual Sagrado I




 
O RITUAL SAGRADO I
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

Conta unha antiquísima lenda celta que os druídas realizaban un ritual máxico no bosque sagrado e invocaban aos espíritos da natureza ao nacer un novo integrante dunha tribo. Plantaban a semente xerminada dun carballo nun lugar moi ben meditado. Colocaban á parturiente vestida de branco sobre un burato que serviría de fogar para a semente. Ao parir, os líquidos do parto regaban a terra mentres o xefe druída cortaba o cordón umbilical. O resto do poboado, rodeábaos. Formados en círculo entoaban cánticos en honor á nai natureza. O bebé era zarandeado de druída en druída para eliminar as forzas escuras que puidesen acosalo. Mentres, o xefe da tribo, introducía os restos de placenta no burato para aboar o seu interior. Ao finalizar o ritual, os cánticos elevaban o seu ton a un nivel atronador, á vez que o druída supremo introducía o bulbo xerminado no fondo do pequeno foso. O resto de druídas botaban terra ata cubrilo na súa totalidade. A partires dese momento, o espírito do bebé, e o do carballo, quedaban unidos para sempre. En base ao crecemento da árbore, os druídas poderían predicir o futuro do recen nacido neste máxico ritual sagrado.

Conta esta historia, que nunha localidade galega, existe un dos carballos máis antigos de Galicia, o chamado carballo de San Antonio, ou tamén denominado o carballo de Vilardefrancos, de case catrocentos anos de idade; e que se atopa na localidade de San Xurxo de Artes, en Bergantiños, Carballo; onde unha nena cega pasa as súas horas pegada ao seu enorme tronco, entoando cancións que ninguén coñece e recitando historias que lle foron transmitidas á súa vez pola súa avoa María. A árbore é inmensa, espesa en ramas, atacada por tempadas polo visgo invasor. O seu tronco, abarca tal superficie, que se necesitarían unhas sete persoas para abrazalo. Na súa parte superior, existe un gran orificio orixinado por un raio moito tempo atrás. Un raio que lle deixou un burato en forma de corazón, cun oco inmenso, e parece toda unha milagre que unha árbore con esa fonda ferida puidese sobrevivir con tanto esplendor ao longo dos anos. Por iso, e outras cousas misteriosas, dise que é unha árbore sagrada.

A nena; miúda e fráxil, é moi intelixente e culta, e moitas veces mata o seu tempo gozando da natureza. Vive coa súa avoa nunha antiga casa de pedra. Reciben, dúas veces por semana, os coidados dunha asistenta social, que realiza as funcións de empregada de fogar e de auxiliar de enfermaría; sendo subvencionada pola deputación coruñesa.

A leira onde se encontra a árbore está preto do Pazo de Vilardefrancos, tamén coñecido coma a antiga torre de Pardiñas, uns dominios do señorío de Pardiñas, unha familia feudal. A avoa de Clara era a dona das terras, era a herdeira, á que coidaba da árbore tan vinculada a súa historia familiar. Di a xente do lugar, que son familia de bruxas. Polas distintas localidades corría o rumor de moitas lendas sobre a árbore e os seus encantamentos. Inda así, ou por iso, tiñan moitas visitas, e moitos turistas acudían ansiosos por fotografarse co portentoso fillo da natureza. Pero ao observar a unha nena invidente, sentada ao estilo ioga, coas costas apoiadas na gran arbore, sorprendíanse máis aínda. Ela, afeita, adoitaba dicir con moito descaro:

"Ola a todos! Chámome Clara; son cega, teño catorce anos. Esta gran árbore que observan, é o carballo de San Antonio. Ten trescentos noventa e un anos. Segundo se foi transmitindo de boca en boca a través dos séculos, parece ser que é a última das árbores do antigo bosque sagrado que existiu por estes lares. Din que naceu no século dezasete. Grazas a miña avoa, sábese que a árbore é filla das antigas árbores do derradeiro bosque sagrado do reino de Galicia, e que polo tanto é un carballo sagrado. É unha árbore nacida no século dezasete, na Galicia feudal, cando o noso reino galego estaba dividido en sete provincias. A miña avoa, relatáronlle estas historias cando era pequena, e ela, anotounas todas nuns caderniños, e moitas veces mos le. Este carballo foi testemuña de moitos sucesos ao largo dos derradeiros catro séculos. No século dezanove, case o destrúe un raio. Os veciños da aldea, con moi bo facer, formaron unha cadea e a base de cubos de auga e lograron apagar o incendio que se orixinara. A pesar de todo, logrou sobrevivir. Son moitas as historias que podo relatarlles ao módico prezo de dous euros por persoa. Unha vez que comezo o meu relato non acepto interrupcións de ningún tipo. "

Sorprendidos e algo contrariados, os visitantes, mirábanse uns a outros como preguntándose que facer. Ao cabo duns instantes depositaron o diñeiro de rigor nunha cunca de porcelana que a nena suxeitaba nas mans. Se algún dos presentes se lle escapaba a propina, Clara, facíallo saber. Era cega, non parva. Non deu comezo o seu relato ata que todos cumpriran co pagamento:

"Grazas pola súa achega. Se non fose por todos vostedes a miña avoa e eu morreriámonos de fame. Grazas ao carballo de San Antonio teño un pan debaixo do brazo. O carballo, este carballo, grande, verde e frondoso -Clara falaba de costas á árbore mentres cos seus brazos estendidos acariciaba o robusto tronco- chámase así dende hai centos de anos, cando pola forma de corazón que tiña o oco do seu tronco, alguén lle puxo o nome do santo casamenteiro San Antonio de Padua; quizais, algún viaxeiro lusitano que veneraba ao santo e bautizouno así prendido pola súa fermosura. Pero o caso, é que dende hai moito tempo, moitas mozas en idade de casar de distintas zonas de Galicia, ían ao lugar a colar pedras no oco de corazón, para pedirlle ao santo un noivo. Di a lenda; que se acertan ou encestan, San Antonio, lles podería conceder un marido en menos dun ano. Pero non facerlle moito caso a isto, pois son lendas, e eu, estou farta de subir a árbore para quitarlle as pedras que lle tiran.”

Algúns dos visitantes sentáronse na herba, copiando a mesma postura que tiña Clara, todos a miraban con moita atención; a nena non paraba de falar:

“A familia da miña avoa coidou destas terras durante séculos, e por iso, por medio dela, podemos saber que hai moitos, moitísimo anos, este lugar fora un bosque cheo de impoñentes carballos. De cada carballo, recollíanse algunhas sementes, para ir xerando outras novas árbores; e así, o bosque perdurou ao longo dos anos. Pero finalmente, tralo moito que tiveron que soportar, as vellas árbores foron morrendo. Do antigo bosque sagrado tan só quedou unha semente xerminada, era o ano de mil
seiscentos seis, e plantouse onde morrera a derradeira árbore vella sagrada. Este é un lugar que está cheo de enerxía telúrica, de enerxía máxica da terra.

A principios do século vinte, ninguén se acordaba do carballo, crecendo este ás súas anchas libre das poutas do ser humano. Tan so a familia da miña avoa o coidaba. Curiosamente, continuaba a considerarse unha árbore máxica. Na guerra civil española, salvou a vida do meu tataravó e doutros colaboradores do bando vermello, que escaparan e se agocharan tralo tronco dos tiros das tropas nacionalistas. Si se fixan ben na madeira, poden observar pequenas marcas producidas polos disparos. Varias balas alóxanse no seu interior dende entón. Ou iso din, eu non as vexo, pois os furados son pequerrechiños. Tamén din, que moitas tardes, o escritor galego Álvaro Cunqueiro sentábase a beira do carballo a escribir moitos dos seus relatos. Eu o creo, por qué quen o di é a miña avoa, e ela sabe moito."

Moitos dos presentes estaban sentados no campo. Escoitaban con interese, sen mediar palabra. Clara; incansable, non cesaba no empeño de transmitirlles parte dos seus coñecementos, adquiridos mediante as clases particulares impartidas polo párroco do pobo, e coas historias da súa avoa, mailos momentos nos que a asistenta social lle lía libros. Todo iso a facía aprender.

A avoa de Clara; sentada nunha randeeira, arrandeándose e quentándose á beira dunha lareira, calcetaba sen parar roupa de la, para así vendela logo aos improvisados convidados que visitaban o lugar. Vivían diso. Miraba de cando en vez pola ventá e vía a nena sentada cunhas cantas persoas ao seu arredor. Sentíase orgullosa dela. Era cega, pero moi lista e independente. Non se arrepentía para nada terse feito cargo dela dende que os seus pais emigraran á Arxentina. O pai de Clara, xornalista arxentino, casara coa súa filla. Dous anos despois, levouna para o seu país, deixando á crianza cega ao cargo dela. A nena, a pesar de ser cega de nacemento, axuda a súa avoa en todo o que pode.
É unha nena incombustible, falaría durante horas se a deixasen, pasaríase o día repetindo as mesmas historias sobre a árbore. Niso estaba antes de despedirse dos turistas:

“Teñan vostedes por seguro, que se desexan tocar a historia coas súas propias mans, tan só teñen que acariciar o tronco do carballo de San Antonio. Ao facelo, curaredes os males do voso espírito. Pero iso si, tan só pódese tocar durante o día, pois pola noite, trala posta do sol, sería perigoso. É unha árbore máxica. Hai que respectar a súas regras, as regras da natureza. Lembrádeo sempre. Se veñen algunha noite de lúa chea e escoitan cánticos fermosos, son eu que canto, e se ven nalgunha noite pequenas luceciñas de cores, son os vagalumes reflectindo na escuridade. Eu, son cega, pero podo ver se aperto forte os ollos e imaxino con fe. Igual a vostedes non vós pasa, porque ao mellor non cren no que imaxinan, pero se cren de verdade o verán. Hai que crer no mundo máxico e o mundo máxico mostrarase a nós. Agora, achégase o frío, vai a chegar a escuridade, aconséllolles a vostedes que volvan ás súas casas, o ocaso xa está aquí. Non convén quedarse máis tempo. Obrigada."

Ao momento de rematar as súas palabras púxose en pe. Silenciosa, decidida, ergueita e sen vacilación, camiñou dun xeito apresurado dirixíndose á casa da súa avoa.

Os visitantes, sentados no campo, parecían petrificados mirando fixamente ao gran carballo. As palabras de Clara, calaran fondo nestes personaxes. Ensimesmados nos seus pensamentos, tres rapaces despistados, apenas decatábanse de que ía escurecendo. Os seus pais estaban nunha aldea próxima, eles acercáranse coas bicicletas, desexosos de coñecer a árbore máxica. Sabían que os seus pais os castigarían duramente si se decatasen onde estaban, pero dáballes igual. Puxéronse en pe. Mirándose uns a outros, dirixiron os seus pasos cara ao tronco da árbore. Tocárono, cada un nunha parte. Apoiaron ámbalas dúas mans, achegaron as súas cabezas como se quixesen escoitar no seu interior. O ocaso xa sucedera. Non debían estar facendo iso. De súpeto, un deles, intentou dicir algo, pero vocalizaba sen son. Nervioso, intentou apartarse, sen éxito. Aos demais, aconteceulles o mesmo, eran incapaces de despegar as súas mans da madeira do carballo sagrado. Nin podían moverse, nin podían falar. Estiveron uns dez minutos así, inmóbiles, pegados ao tronco. Durante uns segundos unhas pequenas luces brillantes de distintas cores pasaron por diante dos seus ollos, que era o único que podían mover. Os seus ollos intentaban seguir ás luces, ata que de repente desapareceron. Eles non o souberon pero foran as sílfides que lles fixeran un sortilexio. Sen esperalo; unha gran forza invisible despegounos bruscamente, caendo todos de costas no campo. Levantáronse axitados, intentando dicir algo, pero ningún son saía polas súas gorxas. Nunca tan rápido correran na súa vida, colleron as bicicletas e pedalearon con moita ansiedade cara as súas casas.

María, observaba pola ventá aos rapaces, relatáballe a Clara como estaban a correr. Sentadas unha fronte a outra, tapadas cunha manta, mirábanse de cando en vez con signos de complicidade. Clara sabía, notaba cando a súa avoa a estaba a mirar e lle sorría. Os mozos; ao chegar as súas casas, non puideron explicar o acontecido. As súas voces, xamais chegaron a recuperalas. As súas familias fartáronse de médicos e de explicacións que para nada serviron, e visitaron a casa de María, para preguntar, pero ela non lles quixo nin atender. Os rapaces, non respectaran a regra da natureza, a regra das árbores máxicas, non podían tocarse pola noite as árbores sagradas. As tres familias abandonaron o pobo, convencidas de que os seus fillos, sufriran algún tipo de encantamento, ou algún tipo de sortilexio máxico.

Clara, e a súa avoa; alleas aos comentarios, illábanse do mundo na súa pequena casiña, moi preto da leira onde estivera o antigo bosque sagrado de moito antes da época da Gallaecia romana. A avoa María, contoulle a Clara, que o espírito da árbore estaba ligado á estirpe da familia, e que o futuro do carballo estaba ligado ao seu futuro, que a sorte da árbore era a súa sorte, pero a súa sorte non era a sorte da árbore. Lle dixo tamén, que cando ela morrese, Clara sería a herdeira de todo, e o seu espírito ligaríase ao do carballo. Tan so María pode ver aos máxicos habitantes que viven na máxica árbore, tan so ela ten permiso para velos nun día calquera, e ten permiso para saber o que fan e o que din. A xente miúda, sabe que María e Clara son as súas protectoras.

Todos os días, a media noite, María, relátalle á nena como as fermosas e diminutas sílfides saen do burato do tronco do carballo de San Antonio. Coñecíaas a todas polo seu nome, e distinguíaas pola súa cor e polo seu ton, e en canto divisaba algunha non coñecida facíallo saber a súa neta. Os elfos, escalaban torpemente o precipicio que os unía co chan, pois o carballo é moi alto, e mais dunha vez esvararon caendo de cu. María ríase, e Clara, preguntaba: - Que fan agora avoa? Que fan? Dime. As fadas; máis luminosas que as demais, realizaban círculos acrobáticos deténdose no aire para dar a volta e brincar rapidamente para logo apoiarse nunha rama e cantar, algunha se deitaba nunha folla e durmía placidamente.

Dous ananos, con vestimentas vermellas e gorros con cascabeis que facían moito ruído, saltaron ao céspede e puxéronse a xogar na herba facendo malabares cunhas pequenas castañas. Unha bruxa, con cara de mala, estaba sentada nunha cadeira de praia, apoiaba as súas costas no tronco do carballo, e mentres, mexaba sobre o terreo a moi porquiña. Das ramas do carballo de San Antonio colgan miles de luceciñas polas noites. A xente miúda berraba, choraban de risa, cantaban. Escóitase unha deliciosa música, uns cánticos de extrema beleza entoados polas fadas. Clara as escoitaba, e ao facelo, saíanlle unha bágoas de felicidade. A súa avoa María sabe describirlle coma ninguén as fermosas escenas que tódalas noites lles agasallaban os pequenos seres máxicos que viven no carballo sagrado.

Cada noite; antes de deitarse, Clara, abre a súa ventá, lle fala aos seres máxicos. Lles recita poemas recen inventados. Como se sabe as cancións das fadas, llas canta. Promételles que non se achegará a elas, tal e como manda a tradición e as regras da natureza. Deberá facelo tan so na noite do solsticio de verán. A mesma noite do seu nacemento. A mesma noite na que hai moitos séculos plantárase unha árbore nun ritual sagrado, naquela noite na que nacera nas mans dun druída unha devanceira de Clara. Tanto ela, coma a súa avoa María, estaban a desexar que chegase esa noite. Nela, na noite máxica do solsticio de verán, é o único momento do ano no cal Clara pode ver todo o colorido mundo do seu arredor. Milagrosamente; os habitantes máxicos do carballo de San Antonio, coa súa maxia, cos seus poderes, devólvenlle a vista a Clara por unha noite; a cambio de que ela e a súa avoa coiden de todos eles, e que ademais, garden o seu segredo para sempre.

[CONTINUARÁ...]
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao


anterior inicio seguinte
logoweb