Hai momentos na vida nos que é necesario facer unha escapada, illarse en certo xeito da globalización que nos rodea e emprender unha viaxe cara ao interior de nós mesmos, pero cun destino fixo, Santiago de Compostela.Tras sacar as fotos de rigor no quilómetro cero do camiño inglés, no mesmo porto ferrolán no cal se desenvolveu a miña infancia, e do cal partín seguindo a primeira vieira que atopaba no camiño sinalando o rumbo para seguir; e que iniciaba tal e como fixesen outrora miles de peregrinos nos séculos anteriores. A miña peregrinación era máis moderna, con roupaxes sintéticas contra a choiva, con camisetas especiais que absorben a suor e aumentan o rendemento, con mochilas ergonómicas que protexen as costas de calquera lesión, zapatillas de training especiais con solas de silicona que amortecen o andar, antollábase máis a unha aventura de supervivencia que a un reto espiritual. Contrasta coa historia do camiño, na que os peregrinos do pasado peregrinaban con farrapos e desprotexidas sandalias, con poucos aveños encima que non distaban moito de ser un anaco de pan e pequenos sorbos de auga da súa tollida cabaza mil veces usada. Pero os tempos cambian, e os peregrinos tamén, adáptanse aos tempos, pois pasados os séculos a maxia do Camiño Inglés continúa intacta.
Esa maxia non se ve, nin se atopa, lévase dentro, e é o que motiva para esa decisión tan persoal de iniciar o Camiño. E así, comecei a andar; tendo claro que a partir dese momento o poder telúrico guiaría os meus pasos, protexéndome durante o Camiño, animándome a chegar ata Santiago mentres me ía atopando a min mesmo.
Iniciaba a miña andaina polas vellas e pouco transitadas rúas de Ferrol Lanuxe. Pero antes de dirixir o rumbo que marca a primeira vieira do Camiño, desvieime uns metros para solicitar o primeiro cuño na igrexa do Socorro, onde fixen a primeira comuñón, onde me atopei ao seu párroco Don José Manuel. Durante aquela visita retornou o recordo daqueles anos de catequeses con Don Bernardo Cendán, "O Cura do Muelle", máis a boa de Rosalía, unha catequista que pouco tempo despois casou con Deus. O mesmo Don Bernardo déranos, a min e á miña irmá, a comuñón; vestidos co traxe rexional galego, a pesar do españolismo reinante naquel principio dos anos oitenta no seo da igrexa e do propio país poucos anos despois do final da ditadura franquista. Con todos eses recordos na miña mente comecei o Camiño de verdade. O párroco da Igrexa do Socorro, Don José Manuel, despois de poñer o primeiro selo á miña certificación de paso da credencial, de maneira moi amable e ilusionada envioume a súa bendición para a peregrinación.
Para ir quentando as pernas un atópase a pequena costa da rúa San Francisco, onde poden observarse o que un día foi este barrio e o que é na actualidade, inda que non todas, a maioría das casas están tan deterioradas que hoxe en día se atopan ao límite do derrube. Un abandono evidente. Ao chegar ao final da mesma; obsérvase presidindo o paseo de Herrera a igrexa de San Francisco, a igrexa castrense da cidade de Ferrol. Ao seu lado Orde Terceira, enfronte a colexiata das Carmelitas descalzas, pero todo desaparece ao entrar na rúa real ferrolá, pois cando un dáse conta xa está na mesma praza de Amboaxe. Continuando pola rúa Real cheguei á conclusión de que Ferrol xa non é o que era e que tanto a crise coma a mala xestión política deixaron a cidade orfa de progreso.Tomei a rúa da terra chegando ao Cantón de Molíns. Coa mochila ás costas e coa cuncha de peregrino sentíame un turista máis na miña propia cidade, as miradas de curiosidade dos meus paisanos así mo fixeran crer e sentir. Quizais, a cidade, non termina de afacerse a ver a un só peregrino que inicia o seu camiño cara a Compostela. Parei na igrexa das Angustias, solicitei ao párroco un cuño para a credencial de peregrino, era a segunda parada que facía para cuñar, e iso asegurábame poder pasar a noite no albergue de Miño cando chegase á tardiña. Inda tiña unha longa xornada por diante.
Bordeando a muralla de Navantia dirixinme cara a Caranza. Pasei a porta do estaleiro e a entrada do CISI da Armada para finalmente chegar ás Telleiras e continuar pola muralla da escola de especialidades Antonio Escano. Cheguei ao cruce onde está a glorieta da avenida do Mar e a avenida Castelao e camiñei dirección á Gándara, bordeando a ría de Caranza; os Cabezóns, o lugar onde no seu día houbera un antigo muíño, a ermida de Caranza co seu pequeno cemiterio, a praia, que recordos eses lares. Ese lugar evocábame sensacións vividas no pasado mentres circulaba pola beirarrúa cargado coa miña mochila e o meu bastón de peregrino e facía xurdir do meu interior a sensación pracenteira de estar a facer o correcto, “caminante no hay camino, se hace camino al andar”.
Andando e andando, pensando e pensando, cheguei ao mosteiro do Couto, e alí tomei o primeiro refrixerio, a primeira parada observando a ría, continuei por Narón ata chegar á ponte de Xubia. Seguín sempre o ritual de deixar unha pedra enriba de cada un dos postes onde había unha vieira que sinalaba o camiño, as cales se atopaban ou se ían descubrindo cada trescentos ou cincocentos metros máis ou menos. E inda que non me facía falta, parei na igrexa de Santa María de Neda, para selar de novo a credencial.
Bordear a ría de Ferrolterra a pé é toda unha experiencia terapéutica que recomendo a calquera; no canto de cansar máis as miñas pernas deume o impulso definitivo para pasar Fene e ir lanzado en dirección a Pontedeume. Interneime por pequenos camiños de terra que pasaban a ser de asfalto por un tempo para volver a ser de terra despois; sempre seguindo a dirección da vieira, poñendo a pedra correspondente enriba despois de procurala e recollela do chán uns metros antes.
Ao ir camiñando ía descubrindo lugares que inda a estar preto do lugar onde vivía nunca os vira, pequenos bosques de castiñeiros e carballos mesturados con eucaliptos que salpicaban por veces a paisaxe antes de chegar a Cabanas co seu paseo ao carón do mar. Desde a saída de Ferrol sempre á beira do mar, moi presente nas vistas. O mar, unhas veces aparecía e outras desaparecía, a miña mirada sempre o tentaba descubrir. Os aires salgados achegaban ao meu espírito ese valor necesario para afrontar en solitario o reto de chegar a Santiago de Compostela en tres días e medio. Polo momento, xa estaba a entrar, case cruzando a ponte medieval de Pontedeume.

Eran case as tres da tarde e estaba sen comer, a parada antollábaseme obrigatoria, e así foi. Senteime a comer un bocadillo de algo con pan na praza do Pan de Pontedeume, xusto onde a estatua dunha muller que prepara pan. Cousas da vida. Estaba esfameado e sedento. Xa moi ilusionado despois de todo o percorrido que fixera, pero tamén, empezando a tomar conciencia de que aquilo non era un xogo. Os pés xa comezaban a dar sinais de chagas. Xa parara brevemente en varias ocasións para poñerme unhas tiras adhesivas, o que empeorou a cousa, pero aínda así houbo que continuar.
E continuar o camiño non me resultou moi fácil, pois recentemente comido, e subindo pola empinada rúa Real de Pontedeume fixéraseme eterno o avance. A mochila cada vez pesaba máis, e os pasos facíanseme máis xustos e dolorosos a medida que a inclinación se facía máis pronunciada. Levoume tempo, pero cando se achandou o camiño, senteime a respirar e a observar as espléndidas vistas que a paisaxe agasallaba desde a saia do outeiro do Monte Breamo.
A tarde avanzaba, quedábame camiño por diante e as pernas xa pesaban moito. Estaba a ser unha xornada esgotadora. Pero o afán por chegar tiraba de min; entre as rústicas paisaxes funme internando por camiños secundarios sempre guiado polas vieiras, algunhas delas escondidas polas xestas, (inda que se sabía que alí estaban para sinalarnos o camiño).Parei de novo a sentarme en canto cheguei á ponte medieval do río Baxoi, xusto antes da entrada a Miño, xa case non podía máis.
Os meus pés inchados, algúns dedos desangrados, as pernas fatigadas indicábanme que parase xa. Quedábanme escasos quilómetros para chegar ao albergue, tomeime unha media hora de descanso para comer outro bocadillo, inda que de camiño xa estivese comendo barriñas enerxéticas, continuei. A noite caeu de maneira irremediable, a tarde pasáraseme fugazmente sen decatarme que o tempo transcorría impecable. Eran case as nove da noite cando entrei en Miño, a casualidade permitiume atoparme de bruzos contra un coche de protección civil que ao verme me preguntou se me dirixía ao albergue, ao dicirlles que si me indicaran o camiño e moi amablemente ofrecéranse para atenderme no que precisase. Sabendo que estaba moi preto apurei máis o paso, obrigándome. Eran as nove e vinte cando cheguei ao albergue, cubrín unha ficha, ensineilles as miñas credenciais cos cuños e funme a dar unha boa ducha. Coloquei a mochila e demais cousas nunha liteira baleira fun para o aseo. Lodo diso, xa ben aseado e confortado, dirixinme a un bar da vila onde degustei unha boa ración de raxo con patacas. Facendo copio de enerxía para a xornada seguinte, o esforzo merecíao. Logo a durmir.
Deiteime ás dez e media da noite, puxen o espertador para as seis e media da mañá, necesitaba descanso. Estaba satisfeito de completar a primeira etapa do camiño inglés, inda que os meus pés inchados indicasen o contrario, e as miñas chagas sanguentas me proporcionasen unha queimadura incómoda. Finalmente quedei durmido do enorme cansazo acumulado.
Fin de Etapa.
Escrito Creado por Xurxo M. Gago Chao
Escrito Creado por Xurxo M. Gago Chao








