Cuarta Etapa


As alarmas dos móbiles dalgúns compañeiros peregrinos espertáronnos a todos sobre as seis e media de mañá. Fómonos aseando e preparando para emprender a última etapa do camiño, esperábanos Santiago de Compostela. O día anterior; o encargado que nos entregou as chaves do albergue, puxo o cuño na nosa credencial, aínda que xa non era obrigatorio levar os dous cuños a Santiago, pero antollábase necesario para completar as nosas.

Os meus pés xa non estaban tan inchados. As chagas parecía que ían curando de tanto Betadine e cambio de vendas. A ilusión por chegar a Compostela compensaba, mitigaba a dor que puidese estar a sufrir. Non tardamos en partir; esta vez, nesta etapa, fun acompañado. Acompañábanme dous peregrinos de Madrid. Saímos sobre as sete do albergue e paramos a tomar un café nunha cafetería do centro de Sigüeiro, polo que puidemos degustar un enerxético e pracenteiro café dobre cun croissant. Tras o almorzo, emprendemos a marcha. Comezamos co ritual de deixar unha pedra sobre a base de cemento dos indicadores do camiño, unha pedra sobre cada vieira. Había moitas pedras acumuladas dos peregrinos, moitos seguían o mesmo ritual. Naquela mesma cafetería puxéronnos o segundo cuño da credencial, polo que se quixese durmir no albergue de Santiago podería.


O traxecto cara a Santiago pasou rapidísimo falando de maneira amena coa compaña, camiñando sen présa pero sen pausa. Si houbo unha pausa para tomar unhas Coca-Colas nun bar a medio camiño. O traxecto cara a Compostela, desde Sigüeiro, transcorreu por unhas pequenas estradas secundarias e por uns camiños de terra rodeados de bosque, e no último treito, pola mesmísima estrada nacional. O corpo ía só, como en automático, impulsado cada vez máis pola proximidade do destino. A mente xa presentía que se estaba a acadar o destino, que o esforzo pagara a pena, pois estes días algo cambiou en min. O camiño fai que nos atopemos a nós mesmos en calquera momento no que esteamos perdidos ou fóra de lugar.

Comezamos a facer fotos nas proximidades a Santiago, pois durante case todo o traxecto, desde Sigüeiro, non houbera moita pausa para elas. Pero iso si, ao ir entrando na cidade, pola parte dos polígonos, comezamos a divisar as torres da catedral e o impulso de fotografar foi inmediato. As nosas caras reflectían alegría e satisfacción polo traballo realizado nestes días. Aos compañeiros de viaxe coñecéraos en Miño pero fóramos a maior parte do tempo distanciados, rematando xuntos na derradeira xornada. O gran esforzo feito do día anterior por superar Bruma e chegar a Sigüeiro permitiume reenganchar con eles e chegar xuntos á cidade compostelá.


Ao ir entrando na cidade fomos facendo fotos, fronte ou a rente, dos diferentes monumentos, estabamos desexosos de chegar canto antes á oficina do peregrino para poder entregar e cuñar as nosa credenciais, e se todo estaba correcto recibir “A Compostela”. Eran sobre a unha e media da tarde cando entramos na cidade vella, a peregrinaxe desde Sigüeiro leváranos cinco horas, pero foron cinco horas gratas e sen dor, nin de pés, nin de músculos, nin de espírito. Pensaba nas miñas mozas, na miña muller e na miña filla, pensaba que pronto virían a recollerme e que comeriamos xuntos nalgún restaurante da cidade. Xa me tardaba abrazalas.


E por fin, despois de tres días e medio camiñando desde Ferrol chegamos á praza Quintana, punto de encontro, onde se cruzan todos os camiños peregrinos para chegar á Praza do Obradoiro. Alí fixémonos unhas fotos contentos e satisfeitos. Non nos demoramos moito en acudir á oficina do peregrino, aínda había que esperar cola, ademais avanzaba lenta. Na cola había peregrinos de todo tipo, sobre todo estranxeiros, ingleses, alemáns, chineses e xaponeses. O certo é que polo camiño inglés non víramos a ningún deles, virían quizais doutros camiños. Tras unha longa espera, chegounos a quenda para ensinar as nosas credenciais cuñadas e de explicar as razóns da nosa peregrinación. No meu caso foi por algo espiritual, por atoparme a min mesmo, por renovarme por dentro e por fóra, e atopárame. Alí estaba despois de tanto camiñar. Sentíame ben. E así, finalmente, entregáronme "A Compostela" comunicándome que fixera o camiño moi rápido, tan só en tres días e medio e que aquilo tiña moito mérito. Polo tanto saín contento, radiante de orgullo e de satisfacción.

Antes de despedir formalmente aos compañeiros de viaxe fixemos unhas fotos. Despedímonos cordialmente. Quizais, noutros camiños, noutros momentos, volveríamos a nos a atopar. Fun cara á praza do Obradoiro e sentei no mesmo medio dela, xusto fronte a catedral, desde alí chamei á miña muller para dicirlle que as estaba a esperar. Xa estaban de camiño, xa viñan no coche. Eran as tres da tarde. Tiña fame.

Estiven unha hora esperando, pero a espera non me importou, o abrazo e os mimos son o mellor para unha pronta recuperación. Fixémonos as fotos de rigor procedemos a visitar a catedral, era o momento cume da miña viaxe a pé á cidade de Compostela. Aquel ano, como era ano santo, estaba aberta a Porta Santa, e por ela entramos á catedral.

A viaxe, a peregrinación, o reto, o esforzo, pagou con creces a pena. Fiquei satisfeito. Algo cambiou en min, sentíame moito mellor tras a teima. Quizais, esa tranquilidade é o que se obtén tras realizar o Camiño a Compostela, obtense unha iluminación sentida nas entrañas da mesma alma, un sentimento pracenteiro moi especial.


Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

Terceira Etapa 

Espertei antes de que soase a alarma, durmira do tirón desde as nove e media da noite. Eran case as seis e media cando levantei. Facía frío. Todo estaba en silencio, moito silencio. Tras mirar pola xanela descubrín unha brétema que o cubría todo, inda non amencera, pouco podía distinguirse na escuridade. Fixen as curas das feridas dos pés, novamente, e prepareime para afrontar a terceira etapa, quizais máis dura que a anterior.

Tras recoller todo e arrombalo como era de rigor, baixei á planta baixa onde me acomodei para degustar unha peza de froita e un zume mentres vía a televisión. Tomei un par de barriñas enerxéticas, apaguei todo, pechei o local e paseniño emprendín a marcha cara ao bar onde deixei as chaves do albergue de Leiro para logo tirar a andar cara a Bruma. 

Xusto ao final de Leiro atópase Casa Xulia, un restaurante moi anunciado en diferentes cartaces que o peregrino vai atopando ao longo da segunda etapa, o último bar para coller provisións antes de subir a montaña. Dáse a curiosidade de que mencionados cartaces están pendurados nos troncos das árbores no medio do bosque, cartaces anunciados cun número asignado por se ao peregrino lle entrase a fame tan só tería que dicir en que número de cartaz se atopa para que lle levaren un bocadillo e onde, tamén, se ofrece a posibilidade de chamar a un taxista para que vaia a recoller a o cliente ao número de cartaz correspondente. Aquel ofrecemento publicitario nas árbores transmitiume moita seguridade, pois facíaseme difícil camiñar en solitario por aqueles camiños de bosque interminable polo que ao ver aquel pequeno cartaz anunciando civilización achegábame tranquilidade. Se quixese abandonar chamaría a un taxi, se quixese comer chamaría para que me trouxesen un bocadillo. A loxística é moi importante.

Entrei en casa Xulia para tomar un café dobre de pota acompañado dunhas madalenas. A amable dona, Xulia, fíxome entrega de dúas torradas, xentileza da casa, que degustei encantado. Todo un enerxético almorzo para comezar a subir cara a Bruma. Xulia deume unha serie de indicacións sobre a dureza da subida e desexoume un feliz camiño. Antes de irme, aprovisioneime cuns petiscos tipo kit-kat e con dous Aquarius de laranxa en lata. Xa estaba listo para subir a pesar das chagas e das maniotas.

Tomárame case unha hora co almorzo. Xa amencera ao saír do local. Comecei a camiñar seguindo as indicacións. O camiño pasou de estar asfaltado a ser un típico camiño bulleiro, estreitándose cada vez máis até pasar a converterse nunha senda de bosque inmenso poboado de eucaliptos, carballos, loureiros, nogueiras, castiñeiros, e moi frondosa e distinta vexetación. A medida que fun ascendendo puiden descubrir as fermosas e brumosas vistas. Era evidente o meu cansazo tras o esforzo, aproveitei o peso da mochila para manter a verticalidade, o estreito camiño ascendente do bosque íaseme facendo interminable. Convencinme de que aquela subida de catorce quilómetros ía ser todo o tempo naquelas condicións. Tiven que facer unha pequena parada en plena ascensión. As pernas, os xeonllos sobrecargados, os xemelgos subidos, os pés feitos po, toda unha subida sufrida. Afoutei coraxe e funme empurrando até ir collendo un ritmo constante ao camiñar coordinando os meus pasos co apoio do bastón de peregrino.

Levoume toda a mañá percorrer os quilómetros de subida cara a Bruma, o camiño foise alternando de novo entre asfalto e terra, entre bosques e cotos de caza e civilización. O terreo foise achandando até que un cruceiro no medio da nada indicoume que chegara ao cume da subida e que a partir daquel momento o terreo xa ía ser máis chairo. Saquei as fotos de rigor e tomei un anaco de chocolate e un Aquarius para repoñer as forzas investidas. Renovei a marcha.

Desde que se achanda o terreo até que se chega ao mesmo albergue de Bruma aínda hai uns cuantos quilómetros, para min, tras a subida e as chagas, supuxo un gran esforzo percorrelos. O meu camiñar era dunha lentitude anormal, a mochila pesaba, as miñas pernas pesaban, todo pesaba menos a miña mente. Ela; a pesar da dor, ía lixeira e amena, entretida, pensado en cousas positivas e gardándose en escenas a bela paisaxe que me estaba a rodear. Cheguei, por fin, ao albergue de Bruma. Levaba medio día de atraso na miña peregrinación. A partir daquel momento quedábame unha etapa enteira por diante Bruma – Sigüeiro. Eran case as dúas da tarde, boa hora para comer, para descansar un pouco, o meu corpo demandábao.

Tomei varias barriñas enerxéticas ademais de dous iogures. O albergue estaba pechado pero unha pequena oficina adxacente estaba aberta. Atendeume o xestor do albergue e cuñou a miña credencial despois de interrogarme cunha serie de preguntas sobre a miña viaxe e comunicarme que case non chego a cuñar porque el pechaba a súa oficina ás dúas. Tomeime un chocolate de máquina. Descansei na parte traseira onde había un xardín moi bo coidado. O albergue e a súa contorna estaban para o gozar do peregrino, e eu goceino, tras non poder facelo a noite anterior.

Tras case unha hora de descanso volvín retomar a marcha e dispúxenme a superar aquela localidade, tiña por diante unhas longas rectas de asfalto. Comecei a camiñar case que en automático, con resignación de peregrino teimei e teimei, andei e andei, pois chega un momento no que o cerebro da ordes de movemento sen que nós teñamos que estar atentos a tal mester, para así poder ocupar a mente mentres se anda en meditacións profundas ou liviás. Funme atopando igrexas, cruceiros, un xigantesco peregrino de pedra mentres ía superando os distintos lugares que as vieiras indicaban. Atopei un pequeno Dino de cor verde que me sorprendeu no medio daquela paisaxe rural galega. 

As miñas meditacións íanme levando á conclusión de que se non apertaba o paso chegaría pola noite ao albergue de Sigüeiro pois inda tiñas trinta quilómetros até chegar alí. Pero, ao apertar máis o paso, as chagas queimaban e doían excesivamente, e eu, tentaba esquecerme delas no meu afán de apurar. Como case non comera parei case á altura de Ordes, morría de fame, e con todo, decidín parar nun restaurante . Naquel restaurante de Ordes puxéronme outro cuño na credencial e desgustei un bocadillo de tortilla e un café. A mochila pesaba en exceso pois estaba cargada de roupa húmida da suor dos días anteriores. Aproveitei para mercar no bar máis provisións para o resto do camiño até Sigüeiro.

Falei por teléfono coa muller e a filla, falar con elas deume o impulso que precisaba para continuar. Pensaba nelas, e tamén pensaba nun pracenteiro baño e nunha estupenda cea, pero o tempo apremaba e non me deixei influenciar por las debilidades dos praceres terreais para non decaer a marcha e para cumprir o meu obxectivo de purificarme de corpo e alma camiñando. Acelerei o paso, eran máis das cinco da tarde cando pasei a dous quilómetros de Ordes pola parroquia de San Paio de Buscas.

Non parei de camiñar en catro horas, coa compaña do meu pensamento e da paisaxe fun avanzando sen máis. Quería chegar ao albergue antes da dez da noite, pero o caso é que non sabía onde se atopaba. Fun enchendo o meu corpo de calorías con zumes e muesli. Parei a cambiar de calzado, pois as botas que tiña postas me estaban a producir moita dor nos dedos. Puxen uns tenis normais, os cales permitíronme camiñar moito mellor e diminuíron a dor.

Cheguei exhausto ao centro de Sigüeiro, preguntando polo albergue de peregrinos. Xa tiña os cuños para o dereito a pasar a noite do albergue de Bruma e do restaurante de Ordes, só desexaba que estivese aberto o albergue de Sigüeiro e que alguén puidese atenderme. As miñas sospeitas eran infundadas, pois tras preguntar nas proximidades dun bar, tan só tiña que cruzar unha rúa e baixar unha costa para chegar ao pavillón que facía de albergue en Sigüeiro. E, xa alí, atopeime cos compañeiros peregrinos que coñecera no albergue de Miño. Comentamos as nosas experiencias até que veu o encargado do albergue coas chaves. Unha vez dentro aproveitei para ducharme e instalarme no chan cun colchón e o meu saco de durmir, non había camas, a instalación era un pavillón de deportes. O lugar habilitado era o chan pero proporcionaban colchóns, os cales, estaban apiñados sobre unha parede.

Os meus compañeiros peregrinos decidiron saír a cear, pasaban as dez da noite, pero eu estaba moi canso. Tiña dous bocadillos, mazás, laranxas, plátanos e algún iogur, polo que ceei alí mesmo. Apaguei as luces despois de facer as curas aos meus pés e de preparar a roupa para a mañá seguinte. Non tardei moito en durmirme despois de revivir algunhas escenas dos últimos días e de imaxinar a chegada a Santiago de Compostela o día seguinte.

Fin da Etapa

Relato creado por Xurxo M. Gago Chao


 
Segunda Etapa - Miño - Bruma

Espertoume a alarma do espertador dun dos meus compañeiros de cuarto do albergue de Miño ás seis e vinte da mañá. Non podía moverme, doíame cada músculo do corpo. Tiña soño, cansazo acumulado, pero tras un repentino impulso decidín levantarme dun salto para darme unha ducha fría. Fíxeno. Non tardei en estar listo e sentarme á mesa para degustar un par de zumes e un pasteliño dos que ofrecían aquelas máquinas expendedoras do albergue. Abastecinme de auga, saudei ao resto de peregrinos, e emprendín a miña segunda etapa do camiño inglés.

Eran as sete da mañá dun sábado de outubro, aínda era noite, e a sensación ao comezar a andar e atopar a primeira vieira foi de ánimo absoluto. Propúxenme atopar un bar e tomar un café, pero todos estaban pechados e continuei a marcha.

Tras abandonar A Ponte do Porco a subida de Miño era un pequeno adianto do sufrida que ía ser para min esta etapa, as pequenas chagas do día anterior, ben tratadas durante a noite, ían empeorar seguro. As pernas avanzaban pesadas e xa non andaba tan fluído coma o día anterior. Sen o café da mañá, máis o soño e o frío, provocaron que sentase nunha marquesiña antes de chegar a Betanzos para descansar un pouco. Naquel lugar, preto da estrada nacional en dirección á cidade dos cabaleiros, “repense” moitísimo a idea de continuar ou abandonar. Pasaron varios autobuses de liña dirección a Ferrol, ata me convidaron a entrar abrindo as súas portas, pero a miña forza de vontade e a miña fe por chegar a Santiago andando puideron con iso e con máis.

Tiven que esperar un par de horas, pois ata xusto na entrada de Betanzos non atopei a primeira cafetería aberta. Alí tomei un café dobre cun croissant e un zume de laranxa, todo un peregrino do século vinte, unha parada en “boxes” para emprender a marcha con máis enerxía. No mesmo bar onde almorcei, tras solicitarllo, puxéronme o primeiro cuño do día para a credencial, tan só quedábame un para me asegurar pasar a noite no albergue de Bruma.





En pleno centro de Betanzos había unha feira; as vieiras por alí indicábanme paso e, eu por alí pasaba, observando, sendo turista máis na miña terra. Fascinoume, apreciaba mellor as cousas, estaba desprendido do stress cotián do mundo, coma se estivese dentro dun soño observaba as escenas cotiás das xentes pasando entre elas coma se fose invisible. Os persoas de Betanzos xa estaban afeitas a ver pasar polas súas rúas peregrinos de camiño á cidade compostelá.


Pasei Betanzos, un peregrino metálico vestido ao modo tradicional sinalábame o camiño, como dicíndome. - Por alí amigo, feliz camiño. E eu continuei por alí, saudándoo, dándolle as grazas pola súa amabilidade. O certo é que moitas das persoas que identifican a un peregrino saúdano e deséxanlle bo camiño, pois saben do sufrimento que supón das tantas historias que lles contaron nas súas pequenas paradas de descanso.

As vistas brumosas da paisaxe ben se relacionaban co destino desta segunda etapa, Bruma. E, con todo, así foi, rumbo a Bruma.

Esta etapa é a máis bonita do camiño; aínda que supoño que iso será cuestión de gustos, porén, para o meu gusto, é a máis bela e esplendorosa. Avancei imperioso co bastón de peregrino polos camiños dos bosques do Encoro de Abegondo, por Terra “dás Mariñas”; respirando o agradable cheiro a piñeiro, transitando os bosques quizais máxicos, cos seus “mouros”, elfos, trasgos, sílfides e fadas fermosas pululando entre os ocos das vellas árbores recubertas de moio e plantas enredadoras dunha intensa cor verde. Preciosos cabalos andaban ás súas anchas por terreos próximos ao río Mero, pequenas aldeas divisábanse ao paso que facíanme apreciar a fermosura dos rústicos costumes galegos de labrado e sementado. A variedade de espantallos, o “feísmo” dalgunhas casas, todo iso é o que o peregrino se vai atopando no seu constante camiñar.

Tras saír dun espeso bosque transitei un pequeno treito polos restos do camiño orixinal, moi poucos restos para tanto camiño.

É moi fácil relatar a historia, pero non tan doado vivila, as chagas xa sangraban. Tiven que parar en varias ocasións para retirar as vendaxes dos pés e limpar con Betadine as feridas. Esta etapa estaba a ser moi alentadora en canto á paisaxe, pero moi dolorosa en canto á dor.

Por un treito do camiño coincidín cun peregrino alemán que chapurreaba español. Ao verme coxear, preguntoume se necesitaba adhesivos para a pel, díxenlle que non, que estaba servido delas. Contou que el xa realizara varias veces o camiño, que viña de cando en vez de Alemaña para facelo, e ía cambiando de camiño, tocándolle esta vez ao inglés. Antes de despedirse advertiume da dureza da subida a Bruma, díxome que se non apuraba podería collerme a noite en plena subida, e que cando chegase a Bruma podería ter o albergue pechado. Ao velo avanzar, e ao velo adiantar, deixoume pensando en se podería logralo ou non. Con todo, decidín parar a comer os bocadillos de Sándwich que fixera pola mañá no albergue de Miño, ademais dalgunhas pezas de froita. Aquel parón indicoume que as pernas estaban a piques de sufrir cambras, e aínda quedábame o peor.


A subida a Bruma eran catorce quilómetros costa arriba. Tras descalzarme un intre observei os calcetíns con pequenas manchas de sangue, as chagas xa eran sanguentas. Calquera entendido obrigaríame a parar e a curar as chagas, pero o meu afán por continuar convencíame á contra, non quería abandonar.

A tarde foi sorprendéndome no medio do camiño. Seguín sempre o ritual de poñer unha pedra en cada vieira, xa era algo automático, pois era ver unha vieira e agacharme a buscar unha pedra para pousala. Como algunhas non estaban moi accesibles, tiven que tirar a acertar, a facer canastra na base do poste da vieira, e nalgunhas ocasións perdía uns segundos valiosos en deixar a pedra, pero non quería deixar ningunha sen poñer.
Ao chegar á localidade de Leiro; xusto antes de empezar a subida a Bruma, e tras o estado dos meus pés, decidín quedarme a descansar e curar mellor as doenzas que me incomodaban o andar. Tras mirar o mapa descubrín que nesa localidade había un albergue para peregrinos. Ante o estado dos meus pés e a baixa moral que tiña antes de afrontar a subida do monte, tomei a decisión irremediable de quedarme a durmir no albergue de Leiro e non completar a etapa. Eran case as sete da tarde e aínda non había nin empezado a subir, polo que non chegaría a tempo ao albergue de Bruma, pois xa me avisaran os peregrinos en Miño que quen o xestiona éra moi rigoroso no horario e pechábao a partir das dez da noite. 
Como dubidaba chegar antes desa hora, tras a lentitude dos meus pasos, dirixínme cara á primeira casa avistada e pregunteille a unha señora polo albergue. Contestoume con amabilidade enviándome a un bar que estaba a uns cincocentos metros, e explicoume que nese bar entregaríanme a chave do albergue tras cubrir os meus datos e facer o pago correspondente de catro euros. Tamén me dixo que alí me poñerían o cuño á credencial, algo que acougou a miña inquietude, pois tan só tiña un cuño en todo o día, o do bar de Betanzos onde almorzara.

Cheguei ao bar a duras penas, arrastrando os pés doridos e sanguentos. Alí tomei dúas bebidas de sales minerais e un bocadillo de lombo con queixo. A dona do establecemento atendeume con moita presteza tras explicarlle as miñas lesións nos pés. Púxome o segundo cuño na credencial, o que me daba dereito a durmir en albergue, e tras darme unha serie de indicacións sobre o local habilitado como tal entregoume as chaves. Díxome, que se madrugaba á mañá seguinte, llas deixase nun lugar concreto cando pasase polo bar. Despois dun breve descanso no bar dirixinme cara ao que no seu día fora un colexio público, eran máis das oito e media da tarde cando fixen entrada no albergue de peregrinos de Leiro.

O albergue era un edificio de varias plantas con sofás, mesas e cadeiras, televisión, xogos, etc, na planta baixa, parecía un local social. Na planta de arriba había unhas habitacións con varias liteiras, elixín a que máis me conveu pois estaba só. Todo o edificio á miña disposición, un agasallo para o descanso do peregrino. Iso si, non había auga quente. Tardei en decidirme, pero a pesar do frío que facía, ducheime en auga fría e tras rematar fíxenlle as curas ás chagas que estaban en carne viva.

Logo de todo preparei o meu saco de durmir na liteira e deiteime preto das nove e media da noite. Comecei a pensar e a planificar na miña mente a terceira etapa, algo que xa se me antollaba máis que difícil, pois a pesar do estado dos meus pés á mañá seguinte tería que recuperar o tempo perdido. Naqueles pensamentos estaba cando quedei durmido.

Fin de Etapa.


Relato escrito por Xurxo M. Gago Chao



A modiño na vida,
sempre con prudencia,
sempre con coidado.
Adiantarse os feitos
é falta de paciencia
desvía do real camiño
e da ruta da elocuencia.
Hai que andar paseniño
cada avance é unha consecuencia.



© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Aposta, pelexa e desafío
loitan contra o negativo,
a pasividade e o conformismo.

Para chegar a alcanzar un reto
haiche que loitar a eito
botándolle sempre peito
coa vontade de parapeto
para avanzar no camiño.

A vida é puro reto.

  © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao
 

 

Hai momentos na vida nos que é necesario facer unha escapada, illarse en certo xeito da globalización que nos rodea e emprender unha viaxe cara ao interior de nós mesmos, pero cun destino fixo, Santiago de Compostela.

Tras sacar as fotos de rigor no quilómetro cero do camiño inglés, no mesmo porto ferrolán no cal se desenvolveu a miña infancia, e do cal partín seguindo a primeira vieira que atopaba no camiño sinalando o rumbo para seguir; e que iniciaba tal e como fixesen outrora miles de peregrinos nos séculos anteriores. A miña peregrinación era máis moderna, con roupaxes sintéticas contra a choiva, con camisetas especiais que absorben a suor e aumentan o rendemento, con mochilas ergonómicas que protexen as costas de calquera lesión, zapatillas de training especiais con solas de silicona que amortecen o andar, antollábase máis a unha aventura de supervivencia que a un reto espiritual. Contrasta coa historia do camiño, na que os peregrinos do pasado peregrinaban con farrapos e  desprotexidas sandalias, con poucos aveños encima que non distaban moito de ser un anaco de pan e pequenos sorbos de auga da súa tollida cabaza mil veces usada. Pero os tempos cambian, e os peregrinos tamén, adáptanse aos tempos, pois pasados os séculos a maxia do Camiño Inglés continúa intacta.

Esa maxia non se ve, nin se atopa, lévase dentro, e é o que motiva para esa decisión tan persoal de iniciar o Camiño. E así, comecei a andar; tendo claro que a partir dese momento o poder telúrico guiaría os meus pasos, protexéndome durante o Camiño, animándome a chegar ata Santiago mentres me ía atopando a min mesmo.

Iniciaba a miña andaina polas vellas e pouco transitadas rúas de Ferrol Lanuxe. Pero antes de dirixir o rumbo que marca a primeira vieira do Camiño, desvieime uns metros para solicitar o primeiro cuño na igrexa do Socorro, onde fixen a primeira comuñón, onde me atopei ao seu párroco Don José Manuel. Durante aquela visita retornou o recordo daqueles anos de catequeses con Don Bernardo Cendán, "O Cura do Muelle", máis a boa de Rosalía, unha catequista que pouco tempo despois casou con Deus. O mesmo Don Bernardo déranos, a min e á miña irmá, a comuñón; vestidos co traxe rexional galego, a pesar do españolismo reinante naquel principio dos anos oitenta no seo da igrexa e do propio país poucos anos despois do final da ditadura franquista. Con todos eses recordos na miña mente comecei o Camiño de verdade. O párroco da Igrexa do Socorro, Don José Manuel, despois de poñer o primeiro selo á miña certificación de paso da credencial, de maneira moi amable e ilusionada envioume a súa bendición para a peregrinación.

Para ir quentando as pernas un atópase a pequena costa da rúa San Francisco, onde poden observarse o que un día foi este barrio e o que é na actualidade, inda que non todas, a maioría das casas están tan deterioradas que hoxe en día se atopan ao límite do derrube. Un abandono evidente. Ao chegar ao final da mesma; obsérvase presidindo o paseo de Herrera a igrexa de San Francisco, a igrexa castrense da cidade de Ferrol. Ao seu lado Orde Terceira, enfronte a colexiata das Carmelitas descalzas, pero todo desaparece ao entrar na rúa real ferrolá, pois cando un dáse conta xa está na mesma praza de Amboaxe. Continuando pola rúa Real cheguei á conclusión de que Ferrol xa non é o que era e que tanto a crise coma a mala xestión política deixaron a cidade orfa de progreso.

Tomei a rúa da terra chegando ao Cantón de Molíns. Coa mochila ás costas e coa cuncha de peregrino sentíame un turista máis na miña propia cidade, as miradas de curiosidade dos meus paisanos así mo fixeran crer e sentir. Quizais, a cidade, non termina de afacerse a ver a un só peregrino que inicia o seu camiño cara a Compostela. Parei na igrexa das Angustias, solicitei ao párroco un cuño para a credencial de peregrino, era a segunda parada que facía para cuñar, e iso asegurábame poder pasar a noite no albergue de Miño cando chegase á tardiña. Inda tiña unha longa xornada por diante.

Bordeando a muralla de Navantia dirixinme cara a Caranza. Pasei a porta do estaleiro e a entrada do CISI da Armada para finalmente chegar ás Telleiras e continuar pola muralla da escola de especialidades Antonio Escano. Cheguei ao cruce onde está a glorieta da avenida do Mar e a avenida Castelao e camiñei dirección á Gándara, bordeando a ría de Caranza; os Cabezóns, o lugar onde no seu día houbera un antigo muíño, a ermida de Caranza co seu pequeno cemiterio, a praia, que recordos eses lares. Ese lugar evocábame sensacións vividas no pasado mentres circulaba pola beirarrúa cargado coa miña mochila e o meu bastón de peregrino e facía xurdir do meu interior a sensación pracenteira de estar a facer o correcto, “caminante no hay camino, se hace camino al andar”.

Andando e andando, pensando e pensando, cheguei ao mosteiro do Couto, e alí tomei o primeiro refrixerio, a primeira parada observando a ría, continuei por Narón ata chegar á ponte de Xubia. Seguín sempre o ritual de deixar unha pedra enriba de cada un dos postes onde había unha vieira que sinalaba o camiño, as cales se atopaban ou se ían descubrindo cada trescentos ou cincocentos metros máis ou menos. E inda que non me facía falta, parei na igrexa de Santa María de Neda, para selar de novo a credencial.

Bordear a ría de Ferrolterra a pé é toda unha experiencia terapéutica que recomendo a calquera; no canto de cansar máis as miñas pernas deume o impulso definitivo para pasar Fene e ir lanzado en dirección a Pontedeume. Interneime por pequenos camiños de terra que pasaban a ser de asfalto por un tempo para volver a ser de terra despois; sempre seguindo a dirección da vieira, poñendo a pedra correspondente enriba despois de procurala e recollela do chán uns metros antes.

Ao ir camiñando ía descubrindo lugares que inda a estar preto do lugar onde vivía nunca os vira, pequenos bosques de castiñeiros e carballos mesturados con eucaliptos que salpicaban por veces a paisaxe antes de chegar a Cabanas co seu paseo ao carón do mar. Desde a saída de Ferrol sempre á beira do mar, moi presente nas vistas. O mar, unhas veces aparecía e outras desaparecía, a miña mirada sempre o tentaba descubrir. Os aires salgados achegaban ao meu espírito ese valor necesario para afrontar en solitario o reto de chegar a Santiago de Compostela en tres días e medio. Polo momento, xa estaba a entrar, case cruzando a ponte medieval de Pontedeume.


Eran case as tres da tarde e estaba sen comer, a parada antollábaseme obrigatoria, e así foi. Senteime a comer un bocadillo de algo con pan na praza do Pan de Pontedeume, xusto onde a estatua dunha muller que prepara pan. Cousas da vida. Estaba esfameado e sedento. Xa moi ilusionado despois de todo o percorrido que fixera, pero tamén, empezando a tomar conciencia de que aquilo non era un xogo. Os pés xa comezaban a dar sinais de chagas. Xa parara brevemente en varias ocasións para poñerme unhas tiras adhesivas, o que empeorou a cousa, pero aínda así houbo que continuar.

E continuar o camiño non me resultou moi fácil, pois recentemente comido, e subindo pola empinada rúa Real de Pontedeume fixéraseme eterno o avance. A mochila cada vez pesaba máis, e os pasos facíanseme máis xustos e dolorosos a medida que a inclinación se facía máis pronunciada. Levoume tempo, pero cando se achandou o camiño, senteime a respirar e a observar as espléndidas vistas que a paisaxe agasallaba desde a saia do outeiro do Monte Breamo.

A tarde avanzaba, quedábame camiño por diante e as pernas xa pesaban moito. Estaba a ser unha xornada esgotadora. Pero o afán por chegar tiraba de min; entre as rústicas paisaxes funme internando por camiños secundarios sempre guiado polas vieiras, algunhas delas escondidas polas xestas, (inda que se sabía que alí estaban para sinalarnos o camiño).

Parei de novo a sentarme en canto cheguei á ponte medieval do río Baxoi, xusto antes da entrada a Miño, xa case non podía máis.

Os meus pés inchados, algúns dedos desangrados, as pernas fatigadas indicábanme que parase xa. Quedábanme escasos quilómetros para chegar ao albergue, tomeime unha media hora de descanso para comer outro bocadillo, inda que de camiño xa estivese comendo barriñas enerxéticas, continuei. A noite caeu de maneira irremediable, a tarde pasáraseme fugazmente sen decatarme que o tempo transcorría impecable. Eran case as nove da noite cando entrei en Miño, a casualidade permitiume atoparme de bruzos contra un coche de protección civil que ao verme me preguntou se me dirixía ao albergue, ao dicirlles que si me indicaran o camiño e moi amablemente ofrecéranse para atenderme no que precisase. Sabendo que estaba moi preto apurei máis o paso, obrigándome. Eran as nove e vinte cando cheguei ao albergue, cubrín unha ficha, ensineilles as miñas credenciais cos cuños e funme a dar unha boa ducha. Coloquei a mochila e demais cousas nunha liteira baleira fun para o aseo. Lodo diso, xa ben aseado e confortado, dirixinme a un bar da vila onde degustei unha boa ración de raxo con patacas. Facendo copio de enerxía para a xornada seguinte, o esforzo merecíao. Logo a durmir.


Deiteime ás dez e media da noite, puxen o espertador para as seis e media da mañá, necesitaba descanso. Estaba satisfeito de completar a primeira etapa do camiño inglés, inda que os meus pés inchados indicasen o contrario, e as miñas chagas sanguentas me proporcionasen unha queimadura incómoda. Finalmente quedei durmido do enorme cansazo acumulado.
 
Fin de Etapa.




Escrito Creado por Xurxo M. Gago Chao


Novas fechas
Novos proxectos
Novas ideas
Novos traxectos
Novas torpezas
Novos comezos
Novas chuvias
Novos ventos
Novas astucias
Novos desexos
Novas ledicias
Novos lamentos
Novas amizades
Novos sentimentos
Novas costumes
Novos erros
Novas correccións
Novos consellos
Novas cancións
Novos versos
Novas imaxes
Novos espellos
Novos quereres 
relevan aos vellos.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

Estanse evaporando
os tempos democráticos
e vanse aniquilando
os principios máis pragmáticos.
Estase camiñando
por camiños moi erráticos,
moitos recortes básicos
nestes tempos pouco lóxicos
de orzamentos burocráticos.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Xa foi o romeiro
na busca da maxia
cruzando camiños
leiras e montañas.
Xa ten a vontade
subida e cargada
os pés cansados
e illadas chagas.
Gozou da terra viva
na travesía máxica.

 
Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Telo aí,
estache a esperar,
decídete e a andar
Ao mellor tardas
pero chegarás.

Á pouco que haxa esforzo
a confianza medrará.
Teima, puxa e tira, 
sempre gañarás!


 
Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
logoweb