Hai días de mel,
días apegadizos
de mornas latexadas,
agarimos e sorrisos,
de parénteses pactadas,
sen enredos,
sen compromisos.
 Hai días de mel gozosos,
sen aditivos,
sen axendas saturadas
e sen queixumes engadidos,
vinte e catro horas pegañentas
de maiolas e aloumiños.


© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Pódese dicir todo
sen unha soa palabra
tan só cun leve xesto
e sen verbas pronunciadas,
falando só cos ollos
e cos xogos das miradas,
co dicir dun silencio
ou dunha aperta dada,
cun afecto morno
ou cunha man entrenzada,
dicíndoo todo
mais sen dicir case nada.

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao
inicio seguinte
logoweb