Hai días de mel,
días apegadizos
de mornas latexadas,
agarimos e sorrisos,
de parénteses pactadas,
sen enredos,
sen compromisos.
 Hai días de mel gozosos,
sen aditivos,
sen axendas saturadas
e sen queixumes engadidos,
vinte e catro horas pegañentas
de maiolas e aloumiños.


© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Pódese dicir todo
sen unha soa palabra
tan só cun leve xesto
e sen verbas pronunciadas,
falando só cos ollos
e cos xogos das miradas,
co dicir dun silencio
ou dunha aperta dada,
cun afecto morno
ou cunha man entrenzada,
dicíndoo todo
mais sen dicir case nada.

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Son o corazón do noso existir
Son o consolo para as dores que temos
Son un saboroso petisco de agarimo
Son as meiguiñas que nos fan rir
Son un apoio estable e seguro
Son as luces do noso camiño
Son compañeiras na viaxe de vivir
Son as garantes do noso destino
Son as correctoras dos nosos erros
Son as sabias conselleiras do porvir
Son a menciña para os males que padecemos
Son as raíñas das apertas e dos bicos
Unhas estrelas que sempre están a refulxir


© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Agasallo é un bico,
é unha aperta,
é unha visita a porta aberta,
é agarimo a quen se queira,
é un reencontro fortuíto,
é calquera axuda sinxela,
é un gozo para o espírito,
é unha ilusión á primeira,
é un feito de amor fidedigno,
é unha vivencia moi tenra,
é agradecemento infinito,
é un perdón que se acepta,
é saber querer e con iso xa ben chega.

Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao
 

 


A familia é o sustento,
é o alento de vivir,
é o sentido da vida
e a compaña no sufrir.

 

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

A vida vai a ratos;
pódese cantar chorando,
chorar escoitando cantar,
pódese amar amando,
amar cantando e chorar.
Pódese chorar sorrindo
amar, rir e soñar,
pódese cantar soñando,
soñar cantando ao espertar. 
A vida vai a ratiños
para vivir, sentir e amar.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Achégate a quen queres
pois o tempo é breve, cedo pasa.
De súpeto, vaise un día a vida
nun suspiro leve, e a culpa abrasa.

Cando poidas aperta,
bica, perdoa, non pasou nada.
Mellor un perdón a tempo,
mellor un achegamento,
que unha eterna lembranza
polo teimoso orgullo da alma.

Achégate a quen queres,
achégate e fala,
faise a vida máis doada
cando unha afronta é perdoada.
 
Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao


Agasallos materiais
con fecha de caducidade
enchen máis os egos,
egos da materialidade.

Agasallos corporais;
praceres da corporeidade,
enchen de tenrura,
sentimento e dignidade.

Agasallos espirituais,
daqueles que o amor ben sabe,
abren as portas do espírito
as abren coa súa chave.

Amor, o máis prezado agasallo,
doce sentimento gratuíto
que unha vez que chega ao espírito
xa comeza a ser cotizado
coma visón tenro e suave.

Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao



Trocou a túa voz,
xa é dun agudo soave.
Xa cantas novas cancións
e xa sabes novos bailes.

Vas perdendo a túa inocencia,
o teu razoamento madura.
Vives novas sensacións,
miña nena criatura.

Non perdas a túa inocencia,
nesta vida mais ben dura,
onde abondan os nubarróns
e as noites claras e escuras.

Nunca perdas a túa dozura
nesta vida mais ben ruda
enche os teus ollos de amor
ante as decepcións futuras.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Estar unidos é
saber dicir as cousas
sen absurda ocultación.
Estar unidos é
saber encaixar
un golpe ao corazón.
Estar unidos é
intentar entenderse
coa boa razón.
Estar unidos é
estar preto, lonxe non,
inda á distancia
sempre ao carón.
Estar unidos é
unha eterna unión
entre máis dunha alma
na busca da comprensión.

   Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

 

Non dou feito,
acumúlaseme o amor,
de amor latexa o meu peito
e amor é o que sinto por dentro
coa xente que quero ao meu redor.
 

Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao


Fasme graza
cando me adulas
meniña;
algo quererás,
ti non soltas un bico
tan axiña,
pois se algo queres
ben cedo que mo das.



Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao 


Dou agarimo a quen o desexe,
un agarimo que protexe.

De agarimo nunca enchido,
canto mais veña, máis vivo.

Non esquezo o cariño recibido
ollos de amor resplandecentes
que me teñen atendido.

Teño agarimo para repartir,

sorrisos, bicos a moreas
e centos de apertas por cinguir.


Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao


Véxote,
téñote,
cóidote.
Vesme,
tesme,
cóidasme.
Ambos os dous xeireamos
polas nosas miañaduras
e ambos os dous estamos
nas verdes e nas maduras.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
logoweb