Xaquín escoitou ruídos no medio da noite, axudado polo clarexar da lúa camiñou directo cara á onde se atopaban as ovellas. De súpeto, asustouse cando viu chegar dous lobos que correron  de tal maneira que o tiraron ao chán. Quedou inmobilizado polo medo, non sabía como actuar nese momento. Por sorte, os animais fuxiron e puido levantarse para comprobar o que estaba a pasar. Non o podía crer, non podía ser que de novo atopase as súas ovellas mortas, xa non sabía como facer para evitar os continuos ataques dos lobos na súa propiedade. Denunciou de novo aos lobos antes as autoridades correspondentes.

As autoridades informaron ao xuíz, e este, emitiu unha orde de busca e captura contra os lobos asasinos de ovellas. As autoridades acudiron ao bosque na busca dos lobos para poñelos a disposición xudicial, pero non os deron atopado. Preguntáronse se en caso de ver algún espécime saberían recoñecer aos culpábeis para detelos, a orde dos xuíz non os describía, polo que lles ía ser moi difícil dar cos autores do crime. Tras varios días de busca detiveron a dous lobos adultos, feros, que opuxeron moita resistencia, polo que houbo que durmilos e atarlle as patas para poñerlles un bocal. Ao chegaren ao xulgado designáronlles un avogado de oficio que protestou ante o xuíz polo denigrante trato que estaban a recibir os detidos. O xuíz ordenou desamarrar as patas dos lobos detidos e decretou para eles prisión incondicional. 


Os animais comezaron a espertar cando xacían no chan do calabozo, estaban un ao lado do outro, non tardaron en erguerse unha vez que recuperaron de todo a súa consciencia. Pouco a pouco, comezaron a sentirse inquedos. Ficaron un breve instante mirándose para os ollos, até que, cun movemento simultáneo, comezaron as raspar o bocal coas súas patas traseiras para tentar zafarse del. Conseguírono, pois os gardas xa lles deixaran as correas frouxas para que puidesen quitalos e comer e beber. Os lobos pasaron a noite deitados no chan, un fronte ao outro, mirándose con ollos tristeiros, preguntándose que era aquel lugar e que facían alí. Ao pouco, chegou un garda cun pratos de madeira enchidos de carne de porco fresca e deslizounos baixo a apertura da porta do calabozo. Comeron e beberon. Gruñíronlle ao garda mentres ficaban pegados aos barrotes, como dicíndolle, que se puidesen, matábano. 

Ao parecer, aquela mesma mañá celebraríase un xuízo rápido contra eles.

A sala do xuízo estaba chea de xentes de todas as idades e condicións, cada quen acomodado no seu lugar correspondente segundo a súa clase social. A matanza realizada polos dous lobos espertou moita expectación na sociedade. Os lobos foron encerrados en grandes gaiolas e trasladados nuns carros até diante do mesmo xuíz. Tiñan o bocal posto e ficaban ergueitos e ameazantes a pesar de estar tras os ferros.  Comezou o xuízo.

O avogado da acusación contou que os acusados foran sorprendidos en flagrante delito de asasinato das ovellas de Ramiro Rebixo; e que, ademais, este recoñecéraos e reafirmase que eran os lobos asasinos. Precisou que os lobos mataran a catro ovellas e que degustaran parte dos seus restos deixándoas desfeitas e ensanguentadas, engadiu que os acusados fuxiran tras cometer aquel sanguento delito sendo sorprendidos na súa fuxida polo propio Ramiro.

Nun momento dado, antes de que o avogado da defensa procedese a aproveitar a súa quenda,   o señor maxistrado tivo que chamar á orde ante o impresionante balbordo xerado polas persoas presentes na sala. Finalmente, o avogado da defensa, puido proceder a expoñer o seus argumentos.

O letrado comezou a dicir que dende tempos antiquísimos os seres humanos cazan animais para alimentárense, que sería imposible imaxinar o avance e o progreso da humanidade sen o alimento que achegaron as carnes de miles e miles de billóns ou billóns de billóns de animais mortos nas mans dos seres humanos. Ergueito e enérxico, gritou:

- Con todo, os seres humanos ben poden sobrevivir consumindo outro tipo de alimentos como as froitas ou as verduras, ¿por qué non elixiron ese camiño? Ante isto, ¿pódese dicir que os seres humanos durante miles de anos asasinaron infinidade de animais? Señoría, se a resposta é non, ¿por qué uns lobos que procuran alimento para comeren si son uns asasinos? E señoría, se a resposta é si, ¿por qué non xulga tamén a toda a humanidade por asasinar animais durante toda a súa historia? Que tipo de castigo van sufrir uns lobos por procurar alimento fóra do seu territorio deforestado e despoboado de alimentos para eles? Non é culpa do ser humano que estes lobos hoxe en día estean famentos? Non é normal que un ser vivo con fame procure alimento para sobrevivir? Pois iso fixeron estes seres que tedes encerrados baixo barrotes de ferro, comer para sobrevivir. Se hoxe; neste xuízo, sae un condena para estes animais, deberase condenar a tamén á humanidade enteira.

Inda que por momentos da súa alocución foi increpado, nese momento, o silencio na sala fíxose sepulcral; tras uns segundos eternos sen ruído algún, toda a sala comezou a aplaudir. A cara do letrado da acusación era todo un reflexo de contrariedade, enfado e carraxe xuntas. O xuíz ordenou silencio de novo. Levoulle un tempo divagar a súa resolución, pero finalmente dispúxose a dar un veredicto. De novo silencio. Ordenou poñerse en pé a todos os presentes e  sentenciou a absolución e posta en liberdade dos lobos acusados entre unhas poucas protestas e unha morea de aplausos e gabanzas sobre a súa decisión.

Finalmente, os lobos que entraran a comer nas terras de Ramiro Rebixo para desgustaren  varias ovellas foron postos en liberdade. O xuíz convidou a Ramiro a buscarlle unha solución máis axeitada á seguridade das súas ovellas. Aquel día todas as persoas presentes marcharon para os seus fogares debatendo e reflexionando sobre o xuízo acontecido. A noite seguinte, os mesmos lobos, entraron na terra dun veciño da zona e desgustaron doce galiñas e un galo. O veciño desestimou o dereito de presentar unha denuncia contra os animais argumentando que os pobriños algo tiñan que comeren. 

E así, con todo, os lobos protagonistas desta historia, ficaron preguiceiros e ledos á beira dun gran carballo. 

Noutros tempos da humanidade, na idade media, celebráronse numerosos xuízos contra animais, animais aos cales se lles designaba un avogado de oficio que empregaba todas as súas artes na defensa do animal acusado. Algúns foron condenados a morte, outros no compareceron no xuízo e outros foron absoltos de toda culpa. A historia narrada con anterioridade é un relato de ficción baseado neste curioso feito de xulgar aos animais.


Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

Os labregos do reino de Galicia estaban máis que fartos dos saqueos dos exércitos franceses, aos cales, non lles importaba o máis mínimo deixar sen alimentos a poboacións enteiras. Todo aquilo estaba a provocar pequenas reunións clandestinas entre os labregos para argallar novas formas de presión contra o inimigo francés. As cousas non pintaban ben. A xente tiña medo e fame. Había moitas malas novas sobre a situación nas diferentes poboacións galegas. Demandábase facer algo da maneira urxente. Estaba claro que os saqueos dos exércitos de Napoleón tiñan que rematar.

Corría o ano de mil oitocentos nove nun esmorecente mes de xaneiro, un fondo sentimento de cambio manifestábase no ambiente do pais, un ambiente bélico e sobresaltado pola presenza de tropas inglesas, francesas e portuguesas, no noso territorio galaico. Os habitantes do antigo reino sufrían asemade os continuos abusos dos “Gabachos” (dos montañeses groseiros), como se lles chama aos franceses despectivamente dende o século dezaseis. Estes roubaban os alimentos que a xente das aldeas tiña acumulados para o inverno, deixándoos sen nada co que abastecerse, moitas veces ata levaban aos animais.

Trala capitulación da cidade da Coruña ante o exército francés do Mariscal Soult, o vinte de xaneiro, un continxente de soldados franceses marchou cara a cidade de Ferrol ao mando do xeneral Mermet; e estes foron vistos, detectados, á altura de Miño por un grupo de aldeáns que andaban nunha asemblea improvisada trala capitulación da cidade herculina. Non se sorprenderon moito ao velos, chegaron á conclusión de que se dirixían ao porto ferrolán, onde a Armada Española tiña algúns do seus navíos.

Uincentius era o nome do líder dunha aldea ártabra, un home forte e rudo, moi malencarado, que nos derradeiros tempos dedicábase a falar en contra dos franceses e da capitulación ante eles, instando a levantar armas coma se facía noutros lugares. E a partir daquela xuntanza formouse un pequeno grupo de no máis de vinte persoas guerrilleiras dispostas a facer fronte aos exércitos napoleónicos.

Enviaron un mensaxeiro cara a Ferrol, o cal, cabalgou rapidamente ao lombo dun veloz cabalo ata chegar á altura do arsenal ferrolán. Ao velo fatigado, nervioso e pudoroso, nun principio, os gardas da entrada nin caso lle fixeron. Pero ao pouco púxose a botar berros avisando de que viñan os franceses cun destacamento armado, polo que, tras as súas insistencias, os gardas españois déronlle tal malleira que o deixaron tendido no chán cun charco vermello preto da súa cabeza. Non tardou en morrer. Ao pouco, pasou un carro tirado por un par de cabalos vellos e o cadáver foi tirado na traseira de maneira moi desprezativa. O que sabía o mensaxeiro non o puido comunicar, polo que se achegaban os exércitos franceses sen que ninguén estivese facendo nada para impedilo.
Os homes de Uincentius estaban a vixiar ao destacamento que paseniño  camiñaba cara a Ferrol. Estaban á espera do momento oportuno para atacar de maneira selectiva a aqueles soldados. Querían arrebatarlles os alimentos e carros con provisións que levaban para alimentar ás súas familias.

Por outra banda; os castelos de Ferrol estaban seguindo unha xornada de rutina, non estaban ao tanto do avance dos franceses, e si o estaban tanto lles deu, pois alí ninguén se moveu para nada. Atopábanse uns trescentos soldados nos diferentes fortes, e moitos máis fortaleza da Palma, pero todos eles estaban moi tranquilos, e algúns, bébedos.

O valente rapaz Ansulfo foi o elixido para comezar un pequeno ataque sorpresa contra o exército ao mando do xeneral Mermet. O rapaz tiña a misión de marchar correndo a lombo dun cabalo mentres portaba nas súas mans uns fachos ardentes para arroxalos contra o grupo de homes franceses e crear un pequeno caos. E fíxoo, con moita coraxe e decisión. Galopou e galopou ata sentir coma un anaco do seu brazo dereito saltaba polo aire ao recibir o  disparo do arcabuz dun soldado “gabacho”. Ao pouco caeu ao chán. Os soldados deixarono alí para preocuparse doutro grupo de asaltantes que xa mataran aos condutores dos carros das provisións e escapaban con eles internándose no frondoso bosque.

O xeneral enfadou, chamou de todo, e a berros, aos milleiros de homes do seu destacamento. Convidounos a todos a estar máis que atentos aos ataques dos famélicos poboadores. Atopábanse sen provisións, polo que terían que saquear de novo antes de asediar aos castelos, pois os seus homes sen comer no ían a ser moi bravos. Continuaron o camiño, esta vez, observando con máis atención todo o seu redor. Os soldados españois erguéronse dos seus asentadoiros, puxéronse en posición de ataque, eran tan poucos que tiveran que enviar a algúns soldados para recrutar milicianos cos que facer fronte ao exército napoleónico. Os franceses xa estaban case preto dos castelos.

Na aldea de Uincentius, aqueles labregos valentes, estaban a descargar tres carros cheos de provisións para dous invernos. Esta vez ninguén se ía rir deles, deixarían o necesario e agocharían o resto nalgunha leira frondosa. Aquela noite fixeron unha festa onde non faltou o pan, a carne, o viño e as deliciosas lambiscadas feitas polas xoves mulleres, filloas e torradas con mel. Naquela noite escoitáranse pequenos refugallos, moitos sons de disparos que indicaban que os franceses estaban a asediar Ferrol e os seus castelos. Sabían que se acudían morírían todos, xa terían tempo para loitar e gañar.

Despois de catro días de asedio, os castelos ferroláns, caeron nas mans do exército ao mando do xeneral Mermet e as autoridades ferroláns víranse na  obriga de firmar un humillante documento onde recoñecerían a capitulación a favor do rei Xosé Bonaparte. Os españois víronse na obriga de entregar os buques atracados no arsenal, unhas tres fragatas e sete navíos, ademais de máis de mil canons coa súa munición correspondente. Os franceses foran os momentáneos vencedores pero centos de milicianos galegos do norte avanzaban cara as terras de Pontevedra liderados por Uincentius, todos eles ben dispostos a axudar na reconquista de Vigo. Pero iso é xa outra historia …

Relato creado por Xurxo M. Gago Chao


Pasárase varias horas escribindo un texto no que expuña o seu descubrimento, unha nova forma alternativa para xerar enerxía eléctrica, un feito que podería ser vital para o futuro da humanidade. Despois de probar varias veces o seu invento converteuse nunha persoa autosuficiente e chegaba o momento de acudir a un encontro moi importante cunha persoa adiñeirada que sería o mecenas do proxecto, un proxecto que proporcionaría un adianto necesario para a humanidade. 

Anxo era un home de mediana idade, pero con aspecto de ser da terceira, debido ao seu descoidado aspecto por seren máis interesado no seu traballo que na súa propia hixiene persoal. Vivía nunha pequena oficina que facía tamén de taller e de vivenda. Por suposto, aquel local, era un barullo de cousas mal organizadas. Pero dentro de toda aquela desorganización había un certo orde que o protagonista tiña controlado e sabía a perfección onde se atopaba cada cosa a pesar do desorde xeneralizado reinante. Nese ambiente, estivo encerrado varios meses, ata que alcanzou o éxito na súa procura. Non tiña outro propósito que outorgar á humanidade o seu descubrimento para o beneficio de todos os seres humanos que poboan o planeta. 

Desexoso de espallar o seu invento se puxo en contacto cun amigo enxeñeiro e quedaron nunha cafetería da zona centro da cidade. Anxo levaba os seus oito papeis soltos, sen carpetas, escritos a bolígrafo azul por ambas caras, agarrábaos cunha man e deixándoos algo engurrados. Pero a el iso dáballe igual, era o de menos a presentación, o que importaba era o contido. E nesas estaba mentres se dirixía cara o centro camiñando pola beira da rúa, collendo atallos a súa maneira para chegar canto antes ao lugar de encontro.  

O seu amigo enxeñeiro estaba ao tanto de todo, sabía da importancia do achado de Anxo, quería axudalo, quería axudar a humanidade. El tiña a posibilidade de poder construír en masa aqueles xeradores de corrente e procuraría pór todo o que estivese nas súas mans para convertelo nunha realidade. 

Mentres camiñaba pensaba que non entendía como ata agora a humanidade non obtivera o progreso enerxético esperado, imaxinaba que os poderes fácticos traballaron a reo para impedir que así fora. Pensaba que el loitaría contracorrente contra todos os poderosos que quixesen arrebatarlle a súa achega ao progreso da raza humana. 

Pero xusto antes de entrar na cafetería onde acordaran a cita, unha muller empurrou a Anxo, en teoría sen malicia algunha, e este perdeu o equilibrio e foi caer ao chan coa mala sorte que os papeis que levaba apertados cunha man espalláronse polo ar e foron caer nunha fochanca cheíña de auga que proviña dun lavadoiro de coches improvisado por un veciño da urbanización acaroada á cafetería onde tiña pensado entrar antes do infortunado empurrón. 

Anxo, levantouse afundido, non puido despegar a vista da focha onde os papeis máis importantes da súa vida remataran empapados, case que destruídos na súa totalidade,  converténdose nunha pasta amorfa  e sen sentido. Por suposto, non tiña copia dos mesmos, a ilusión tras o seu descubrimento fíxolle chamar de inmediato ao seu amigo enxeñeiro e quedar con el para que este movese os fíos necesarios para sacalo adiante a maior brevidade posible, por ese afán, Anxo, non fixera copia das súas anotacións. Con todo, tras perdelas, perdíase tamén outra nova oportunidade para o progreso. Anxo ficaba desolado, chorando, sentado na beira da rúa, sostendo nas súas mans o que poucos minutos antes eran anotacións de vital importancia.

Arremuiñouse xunto a el un nutrido grupo de persoas, entre elas aquela muller inofensiva que chocara contra el e provocara que os seus papeis caeran xusto no único lugar con auga de toda a rúa. Aquela muller traballaba para uns servizos segredos, tan inocente ela, que logrou impedir que se chegase a formalizar aquel adianto tan vital para a humanidade, a autosuficiencia enerxética. A axente xa estivera na casa de Anxo revolvendo as súas pertenzas para roubarlle as ideas, pero Anxo era unha persoa moi desconfiada, por iso todo o importante sempre o levaba consigo, nas súas mans, polo que a espía non lle quedara outro remedio que provocar un pequeno empurrón para arrebatárllelos sen contar coa fochanca que terminou con destruílos. Para ela, ao final, obxectivo conseguido. 

Neste conto de ficción os poderes fácticos confabuláronse para desbotar calquera progreso que supoña perda de poder adquisitivo para as oligarquías enerxéticas mundiais. A saber cantos Anxos houbo no pasado que foron empurrados sen querer para evitar que o seus inventos ou descubrimentos beneficiase a todo o conxunto da humanidade e non só a uns poucos privilexiados.  

O certo é que Anxo debeu de facer copias …

 Relato Creado Por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
logoweb