Ás veces;
de súpeto,
gústame asubiar,
gústame rir e cantar,
gústame soñar,
así, ao bruto.
Ás veces;
así, ao bruto,
gústame lembrar,
gústame evocar
e regresar,
gústame aproveitar
cada eterno minuto.
Así, de súpeto,
ao bruto!

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

A vida vai a ratos;
pódese cantar chorando,
chorar escoitando cantar,
pódese amar amando,
amar cantando e chorar.
Pódese chorar sorrindo
amar, rir e soñar,
pódese cantar soñando,
soñar cantando ao espertar. 
A vida vai a ratiños
para vivir, sentir e amar.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Pasei preto dun río
enchido pola chuvia
e observei o seu caudal
e a súa abráiante furia.
Escoitei os fortes sons
das augas e das burbullas,
seguín as correntes súas.
Atopei pequenas fervenzas,
 desniveis de distintas alturas,
un fervedoiro perfecto
creado pola natura.
O ambiente repousado
de manifesta humidade
calou aos meus osos
e tiven que resgardarme,
chegaba a noite
e xa se vía a lúa.

Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao


Pode cambiar todo
nunha faísca de tempo urxida,
nun instantáneo momento
pásase dun lado a outro
dos sentires da vida.

Crúzanse longas distancias
a vertixinosas velocidades
dende a tristura á alegría
tanto na noite como no día.

Agora gozo e contento,
logo pingas de sufrimento,
coma un catavento
ao son do vento.

 

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao





Tes zume
logo espreme,
sácalle o teu xugo
a túa alma alegre.
Deixa de mirar a vida
polo lado que mais fere,
e fixa a túa vista
polo lado que florece.

  Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
logoweb