Vida despois da vida I
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

Quen non crea na maxia que non lea. Quen non crea no misterio non crea. Quen non cre en nada, so vivirá unha vida material de egoísmo contranatural, esquecendo, negando a maxia e o misterio da vida despois da vida.

Apareceu, de súpeto. Non sabía onde se encontraba, estaba confuso, raro. Non escoitaba nada ao seu redor, non vía nada, non pasaba nada. Parecíalle estar a vivir un pesadelo, pero un pesadelo no que estaba esperto.

Falaba, e a súa voz escoitábase cun eco case infinito, ao darse a volta para mirar ao seu redor viu a luz máis bela que nunca había visto. Esa luz; transmitiulle serenidade, calma, sosego, xa non importaba onde se encontraba, ou se era un pesadelo ou non; o que importaba realmente era esa luz. Unha luz, máis que branca, radiante, que o mantiña nun doce estado de benestar incomprensible. Ao pouco, sen que ninguén lle dixese nada, comezou a cavilar sobre onde se encontraba. Non tardou moito en chegar á conclusión de que estaba no propio albor trala súa morte.

Cada ser humano ten a súa propia idea sobre a morte, sobre a marcha deste mundo cara a outro, ou quizais, cara a ningún. Haberá quen non crea en nada, dicindo que po fomos e que en po nos converteremos. Haberá quen crea no ceo e no inferno. Haberá quen crea no paraíso. Haberá quen non crea en nada diso. Polo tanto; cando un ser humano morre, o fai cunha convicción diferente de a onde o leva a súa morte. E finalmente, se teña a convicción que se teña, se pense o se que pense, todos os seres humanos van cara o mesmo lugar. Trala morte todos imos cara ao Albor.

A vida despois da vida comeza no Albor, a partires del seguen as diferentes etapas que ten que ir recorrendo unha alma e o seu espírito desencarnado. Ás veces, pérdense, non saben onde están, non saben si están mortos ou non. Nesta situación poden pasar moito tempo ata que alguén se de conta deles e baixen doutras etapas a rescatalos, a informalos, a axudalos, a guialos. Quen baixa a rescatar ás almas, son os anxos e os familiares, que van dende outras etapas dese lugar chamado A Esencia (outros lle chaman ceo, pero para nada ten que ver co descrito pola igrexa e polos curas, é diferente). Estes liberadores de almas preséntanse ás veces no xusto momento da morte. Cando a morte foi dunha maneira rápida e instantánea, a alma co seu espírito, poden converterse en fantasmas, vagando eternamente polo lugar pensando que están vivos. Si, os fantasmas existen.

Martiño, que é como se chamaba o home que perecera na terra, xusto no momento de chegar á conclusión de que estaba no albor da súa morte viu a alguén coñecido e querido, un familiar seu que lle sorría, e que lle ofrecía a man dicíndolle: - Ven comigo. A confianza, o amor, axudáronlle a camiñar cara á outra alma, e abrazáronse. A alma que viña de etapas superiores non podía contarlle todo, pois unha alma ten que ir caendo pola súa propia conta nos seus erros, nos perdóns que ten que pedir, nas accións a recoñecer, e así, paseniño, poderá ir ascendendo de etapas e depurarse da vida material e corpórea. O familiar de Martiño deixouno nas mesma portas da primeira etapa, pódese dicir, do primeiro piso de A Esencia.

A vida despois da vida non é corpórea, e unha vida de luz e enerxía de distintas cores. Parte do dese enerxía do ser humano pode apreciarse na vida material co aura de cada un. Cada aura dunha cor diferente, cada quen cun carácter e cun ánimo diferente.

Martiño, entrou na primeira etapa, onde vai a recibir as curas das súas feridas e enfermidades que contraera na terra, para así comezar a depuración da súa alma e do seu espírito. Se atopa nunha especie de hospital de cor branco e de luz agradable. Neste hospital hai outras persoas, coas que se cruza, outras almas cos seus espíritos para depurar, vense coa mirada humana, aínda acostumada a mirarse e comprenderse como corpos carnais. Na primeira etapa aínda ven e senten coma na terra, a medida que van ascendendo nas diferentes etapas van abrindo a súas conciencias, ata irse desprendendo dos tabús e das crenzas limitadas de cando estaban en vida na terra. Agora estaba en vida na Esencia, e na Esencia todo é por ben, por amor, por equilibrio, pois a lei do karma impera.

Moitísimo anxo, moita alma boa e depurada dedicadas a traballar para axudar aos recen chegados; os curan, os aconsellan, lles ensinan, para que os recen chegados cheguen á curarse a si mesmos a través do arrepentimento e do perdón.

Martiño inda se atopa nesta etapa da Esencia, e nela estará, ata que esta historia continúe.
[CONTINUARÁ...]

© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao


 
Cabo de ano, 
tempo foi,
erro humano,
 xustiza non.
Cabo de ano, 
lembranza e dor,
mentiras e enganos,
 amianto e vapor.
Cabo de ano, 
negras cores,
honra e flores,
 xustiza non.




 
Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Arrepíanse os cabelos
por causas que non sabemos
e ao mellor dá medo saber.
Agarimo dun espírito,
imperceptíbel roce na pel,
cóxegas na caluga,
cóxegas na punta do pé.
Achegamento das almas;
flores a recender,
compaña dunha noite,
despedida no amencer.


Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao 



Rituais en noites máxicas,
amuletos, sortilexios,
un sen fin de desexos
nas puras noites de maxia.
Candeas que se consumen,
chamas que nunca se apagan.
Foto que ilumina o lume
da persoa querida e finada.
Rituais de lembranzas,
noites de agarimos,
reencontro das almas
dos mortos e dos vivos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Follas molladas
xacen no chan,
follas arrichadas
mostrando a súa beleza
á espera do seu final.
Os sons das campás da igrexa
alguén houbo de finar,
vidas que rematan
tralo seu peregrinar.
Día de chuvia escuro
cheo de ventadas,
máis tristeiras as despedidas
e máis frecuentes as bágoas.
Unha gaivota loita
por saír das revoltas augas
e leva no bico un peixe
que antes moi ledo nadaba.
Pura conxunción de feitos
e de vidas rematadas;
día gris, día agoireiro,
día de chuvia e de mágoas.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Sucesos lacrimóxenos
irritan os nosos ollos
coma a picante cebola,
laian os pensamentos
tralos sucesos patolóxicos
nunha sociedade tola.

Caese nun decaemento,
decaemento case lóxico
polo inminente futuro
que chega e afoga.

O sentimento positivo
non supera o negativo,
caen versos críticos
dun xeito imperativo,
a vida chora que chora.

Vese ao lonxe unha abertura,
abertura de esperanza nova;
quen pode, se quere, a toma.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


E turra, e tira, e avante,
nin un paso atrás
sempre adiante!

Despois de todo a vida sigue,
seguirá sorprendendo
mentres nela se vive.

Veranse abismos e cantís,
haberá baixadas
e pendentes empinadas,
pero o caso é resistir
sen deixar de teimar por vivir.

 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao
inicio seguinte
logoweb