Nun anoitecer na ría
vin a estela que a lúa pintaba
e quixen recordar con ela
vellas singraduras 
de cando eu navegaba.
Noites estreladas 
de brisas mariñas
Noites de plenas luadas.
Noites de treboadas
e de fortes marexadas,
de ondas montañosas
e de sacudidas bravas.
Noites mariñeiras 
de cubertas molladas,
de fortes desexos 
de chegar a casa.
Xa en terra 
queda a lembranza
dos agridoces vivires 
no mar das ondas salgadas.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Dimo a min,
que non esquecín
moitas das cousas que vivín.

Que che vou dicir a ti,
 ben sabes da túa vida
e do que che tocou vivir.

Ben sabe cada quen
do sufrimento hipotecado,
co interese que vén.

Versos creados por Xurxo M. Gago Chao


Vívese, ás veces,
entre néboas,
entre lóstregos,
entre treboadas,
entre espiñas no peito
que ante non estaban.

Versos creados por Xurxo M. Gago Chao
inicio seguinte
logoweb