Percebeiros

Hai persoas valentes
que arriscan todo por amor
e cada impulso da súa forza
é alimento para quen ben queren,
digno labor protector. 
Hai labores perigosos
dependentes da sorte que vai
que fan loitar contra as ondas,
contra a ameaza das rexas rochas,
contra a inmensidade do implacábel mar.
E un negro día, no que a sorte fuxiu co vento,
mergulláronse as esperanzas todas;
de súpeto, nuns minutos,  
o mar decide e arrebata
e o alento que antes deu queda en nada
e as familias fican rotas
e as ilusións fragmentadas. 
O mar amorea almas
xunto as rochas percebeiras,
almas de xente boa
que unha mañá foron teimar
e coa sorte fuxidía
e pola auga coa súa porfía
non puideron retornar.
Fican as pegadas das vivencias
das valentes persoas xenerosas, 
reminiscencias de amor e dor,
no mar crecen moitas rosas,
cada alma é unha flor.

En Honra a Paco Souto [1962 - 2017]
Poeta Percebeiro bo e xeneroso
comprometido coa súa xente e coa súa terra. 

© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb