Pódese dicir todo
sen unha soa palabra
tan só cun leve xesto
e sen verbas pronunciadas,
falando só cos ollos
e cos xogos das miradas,
co dicir dun silencio
ou dunha aperta dada,
cun afecto morno
ou cunha man entrenzada,
dicíndoo todo
mais sen dicir case nada.

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Unha doenza, unhas bágoas,
un inferno no interior,
escuridade asolarante
nas noites de insomnio,
medias lúas negras
nas olleiras,
sorrisos forzados
e indiferenzas que doen,
unha loita contra o tempo
cun ánimo de cristal.
Os bicos e as apertas
menciñas para curar!

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Agasallo é un bico,
é unha aperta,
é unha visita a porta aberta,
é agarimo a quen se queira,
é un reencontro fortuíto,
é calquera axuda sinxela,
é un gozo para o espírito,
é unha ilusión á primeira,
é un feito de amor fidedigno,
é unha vivencia moi tenra,
é agradecemento infinito,
é un perdón que se acepta,
é saber querer e con iso xa ben chega.

Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao
 


Achégate a quen queres
pois o tempo é breve, cedo pasa.
De súpeto, vaise un día a vida
nun suspiro leve, e a culpa abrasa.

Cando poidas aperta,
bica, perdoa, non pasou nada.
Mellor un perdón a tempo,
mellor un achegamento,
que unha eterna lembranza
polo teimoso orgullo da alma.

Achégate a quen queres,
achégate e fala,
faise a vida máis doada
cando unha afronta é perdoada.
 
Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao

 

Non dou feito,
acumúlaseme o amor,
de amor latexa o meu peito
e amor é o que sinto por dentro
coa xente que quero ao meu redor.
 

Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao


Fasme graza
cando me adulas
meniña;
algo quererás,
ti non soltas un bico
tan axiña,
pois se algo queres
ben cedo que mo das.



Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao 


Hoxe vai de incomprensión.
Falar fala calquera pero o de escoitar non.
Haiche quen expón sen condición,
e haiche quen expón
para esixir logo a súa realidade.
Hoxe vai da verdade.
Hoxe vai de entendemento,
de baixar o volume da voz,
de intentar un achegamento
a unha razón con corazón.
Vai de escoitar as palabras,
vai de forte tesón,
por non impoñer as bravas
unha pretoriana razón.



Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao


A cotío desvencellámonos
de cousas e de persoas
deixándoas soas,
desvencellámonos 
até do aire da memoria
da terra na que medramos.
Ficando silandeiros
sen ningúen acaroado,
orfos de futuro e pasado
e mesmo sen historia.

Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao
inicio seguinte
logoweb